CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Arranca o 25 OUFF cun público reducido, recoñecementos e as estreas de “Amanezca” e “Olvido y León”

Na gala inaugural distinguíase ao trivés Adolfo Domínguez co Premio Calpurnia 25 aniversario que recollía a súa filla Tiziana

 

Cun tributo especial para o público, numerosos recoñecementos e dúas estreas con selo ourensán poñíase en marcha na tardiña do 25 de setembro a 25ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) no Auditorio de Ourense. A gala encetábase coa música do pianista Nico Casal e rendía ademais un tributo ao “auténtico protagonista do festival que é o público”, tal e como dicía a presentadora, Ledicia Sola, que ademais debullaba as novidades desta edición tan atípica e especial, condicionada polas medidas de restrición sanitaria.

O OUFF desenvolverase ata o 3 de outubro con máis de 90 proxeccións, exposicións, ciclos temáticos, homenaxes ou premios, entre outras propostas, e, ademais, cunha sección oficial de longametraxes con 14 películas (4 dela fóra de concurso) de 17 países diferentes. Entre elas están traballos internacionais como “Vivere”, “Verano del 85”, “True Mothers”, “Regreso a Hope Gap”, “Deux”, “Corpus Christi” e “Falling”. O xurado desta edición estará presidido por Inés París.

A primeira das intervencións da gala corría a cargo de Miguel Anxo Fernández, director do OUFF, quen sinalaba que pese as dificultades do momento “conseguimos ser fieis á esta cita anual” e contaba que dende a organización do cetame “tomamos a determinación de resistir”, “asumimos que non podíamos darlle ás costas á cultura”. Tamén indicaba que o OUFF é un proxecto “en permanente mellora e desenvolvemento” e afonda nos contidos desta edición, na que cumpre as súas vodas de prata.

A partir de aí viñan as primeiras homenaxes. O cineasta monfortino Dani de la Torre, formado como profesional do cine en Ourense, recollía o Premio Ourense deste ano de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. “Para min é un privilexio e unha honra recibir este galardón, nesta cidade tiven o meu contacto profesional co cine”, dicía. Aludía tamén ao complexo momento actual indicando que o “cine non é só dos cineastas, senón do público, depende de nós que se enchan as salas de novo, trátase de seguir sendo libres e vivos, manténdonos seguros”.

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a gala.

 

Tras el, tomaba a palabra Manuel Baltar, quen lembraba que hai dous anos, “cando o OUFF pasaba por un momento complicado a Deputación decidía debía resistir, o que resiste gana e o OUFF gana”. Ademais tivo un especial recordo para “todos los que dunha maneira ou outra formaron parte destes 25 anos: dende o primer director e ideólogo do festival, Eloy Lozano, ata todos os equipos que traballaron para chegar aquí e mesmo os responsables institucionais, Concello, Xunta e Deputacion que incluso con formaciones políticas diversas sempre apostaron polo OUFF”. E incidiu en que “estamos convencidos do potencial de Ourense como terra de cine” e asegurou que o cine ourensán ten “unha denominación de orixe pola que temos que seguir apostando”.

 

Tiziana Domínguez.

 

E, nesa liña, a continuación facíase entrega do Premio Calpurnia 25 aniversario,que recoñece ao modisto trivés Adolfo Domínguez. A súa produción “La moños” abría o Festival de Cine de Ourense na gala inaugural da primeira edición, en 1996. Domínguez non puido estar presente na gala, pero quixo agradecer o recoñecemento a través dun vídeo no que destacou a súa colaboración co festival dende “hai 25 anos cando aínda era unha semente. Só duran as cousas que serven á comunidade”. Ademais amosaba o seu agradecemento “á terra onde nacín, nunca máis de 10 km lonxe do canón do Bibei, porque nacín en Trives”. Foi Tiziana Domínguez, directora Creativa do grupo Adolfo Domínguez e filla pequena do homenaxeado, quen recolleu o premio.

 

Adolfo Domínguez no vídeo enviado ao OUFF./ Foto cedida.

 

Seguidamente, subíase o escenario o actor de orixe carballiñés Jose García, quen fora Premio Calpurnia Internacional en 2019, quen adiantaba que na vindeira edición do OUFF a francofonía terá un lugar de seu.

Estreas de “Amanezca” de “Olvido y León”

A primeira das proxeccións deste OUFF era  a curtametraxe “Amanezca”, curtametraxe escrita e dirixida por Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), quen se confesaba moi emocionada de estrear en Ourense a súa primeira curta de ficción, na que contou cun “elenco de luxo”.

Desculpaba a ausencia de Rosa Torres-Pardo, autora da música do filme, que finalmente non puido viaxar a Ourense, e amosaba a satisfacción de ambas de que o OUFF se puidera celebrar. “Evidentemente a saúde é o primeiro, pero hai unha cousa que non debemos esquecer nunca: un pobo sen cultura é un pobo sen identidade. Podemos estar vivos e podemos respirar pero non vivir, así que grazas a todos os que facedes posible que esteamos aquí esta noite. Grazas aos que apoiades á cultura”.

 

A actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río) presentado a súa primeira curtametraxe “Amanezca”.

 

Lucía Álvarez tamén resaltaba que “nada podía ser mellor que estrear na casa, non podía haber mellor regalo, nin mellor comezo. Esta curta comeza hoxe a súa viaxe, levamos dous anos detrás de conseguir que vexa a luz, tivémola que rematar en Bos Aires porque nos pillou a pandemia e non puidemos finalizala por camiños normais. E esta noite é a primeira vez que a vai ver alguén, vós, nunca se enfrontou a un público e espero que vos emocione e que a mensaxe quede clara”.

E concluía facendo unha defensa do valor da cultura xa que “a parte de facernos libres, é a riqueza dun país, non esquezamos que alguén cando vai ao teatro, cando vai ao cine, a un museo… viaxa, toma medios de transporte, vai a hoteis, vístese, come, bebe, vive, e no medio fai un montón de investimentos. Así que, por favor, o futuro é a cultura, se non coidamos iso non teremos nada, ese é o peor virus, que maten a cultura”.

Finalmente subíanse ao escenario dous membros do equipo da longametraxe de apertura do festival, “Olvido y León”: o actor Monti Castiñeiras e o seu director, Xavier Bermúdez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close