En portada

Arranca o 48 Rallye Ourense Termal

Este evento deportivo, que se celebrará o 12 e 13 de xuño, recupera nesta edición o tramo do Canón do Sil
Imaxe dun dos tramos da pasada edición do Rallye de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.
Imaxe dun dos tramos da pasada edición do Rallye de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Como cada ano dende hai 48, a Escudería Ourense arranca os motores da quinta carreira do campionato de España de rallyes de asfalto 2015, que se desenvolverá os días 12 e 13 de xuño. Os participantes na proba, entre os que se espera contar con pilotos como Miguel Fuster (líder da clasificación xeral co campionato despois das catro probas que se levan desputadas, a última nas Rías Baixas), Pedro Burgo ou Sergio Vallejo (gañador da pasada edición do Rallye de Ourense), enfrontaranse a un percorrido total de 605 quilómetros dos cales 210 corresponden a tramos cronomertados. Un completo percorrdio por boa parte da provincia de Ourense con Expourense como punto de partida e reagrupamentos e o Parque de San Lázaro como meta. Os tramos, con dúas pasadas por cada un deles son catro: Canón do Sil, San Pedro de Rocas, A Peroxa e Toén, ademais do Tramo Espectáculo de San Cibrao das Viñas que este ano igual que na pasada edición será o primeiro e o último do rallye.

Como o evento máis lonxevo de cantos se disputan na provincia e unha excelente plataforma promocional do nome de Ourense por toda a xeografía nacional e internacional, se presenta esta edición do rallye que dende 1967 leva percorrido toda a provincia, destacando as maiores riquezas paisaxísticas e culturais como a Ribeira Sacra. Hai 25 anos que se celebrou por primeira vez o tramo do Canón do Sil que “segundo pilotos e afeccionados é un dos máis bonitos e espectaculares do campionato de España de rallyes” en palabras do presidente de Escudería Ourense, Antonio Javier Fernández Rodríguez quen asegura que “este ano, despois dun obrigado descanso, volveremos surcar os bancais de viñedos deste mítico e imprescindible tramo”.

O programa do Rallye Ourense Termal 2015 comezará o venres 12 de xuño coas correspondentes verificacións administrativas e técnicas, e o tramo espectáculo en San Cibrao ás 20:35h. sobre un circuíto que se repetirá o sábado ás 22:23h. Este tramo é segundo explica o presidente de Escudería Ourense, “un dos grandes elementos diferenciadores, xa que congrega, nunha zona completamente segura e de moi fácil acceso, a preto de 10.000 persoas que vibran cun espectáculo sen igual, no que personalidades, institucións e empresarios colaboradores, poden disfrutar dunha forma alternativa e ver o rallye dende unha perspectiva privilexiada”.

Texto: Mónica G. Bellver
Máis información e planos na edición en papel de xuño do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button