EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Arrancan as X Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras

Esta edición arrancaba na tarde deste venres 8 de outubro e desenvolverase ao longo da fin de semana co "Bus do viño", catas e moitas máis actividades

 

Bárbara Martínez Blanco defínese a si mesma como unha “buscadora de experiencias”. É consultora especializada en selección, formación, desenvolvemento, xestión do talento e coatching das persoas que forman ás empresas en sectores como a hostalaría e a restauración. Tamén escribe para Magazine Spain onde aconsella sobre viaxes, adegas ou viños. É embaixadora dos viños de Montilla-Moriles en Madrid e dende hoxe embaixadora tamén da Ruta do Viño de Valdeorras.

Coa presentación da nova embaixadora, a Ruta do Viño de Valdeorras arrancaba na tarde-noite deste venres 8 de outubro a X edición das Xornadas de Portas Abertas, unha boa opción para “amosar aos nosos veciños e visitantes todo o que acontece ao redor dun viñedo, como medran e maduran as uvas, como pasan da vide ás mans do vitucultos, como chegan á adega e como saen da adega feitas viño, un viño que repousa nas escuras covas agochadas na mesma terra”, en palabras de Ainhora Carracedo, a presentadora do acto que tiña lugar no Hotel-Monumento Pazo do Castro.

 

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras entrega un agasallo á nova embaixadora.

 

“Son moitos os atractivos do sector vitivinícola e hoxe máis ca nunca queremos poñelos en valor cunha actividade que dende hoxe e ata o domingo 10 de outubro, os asistentes poderán descubrir a gastronomía, a artesanía, o turismo e mesmo a astronomía, iso si, sempre acompañados dun bo Valdeorras”, aseguraba a presentadora, dando paso á Bárbara Martínez que aseguraba que é un pracer representar aos viños de España “porque estou moi orgullosa da alta calidade e prestixio dos nosos produtos”. Con respecto aos viños da D.O. Valdeorras, Martínez Blanco asegurou que “a través dos sabores sentín o lugar do seu nacemento, que son os ríos de Ourense, viñedos que se aliñan nas ladeiras das montañas e que enmarcan vales con chans tan fértiles. Esta gran paisaxe cae na miña copa de viño e en moi pouco tempo en moitas copas máis. Grazas a Valdeorras por esta oportunidade”, dixo.

O presidente da Ruta do Viño, Joaquín García, era o encargado de entregar un agasallo á nova emabaixadora, explicando aos asistentes o completo programa que espera aos participantes nas Xornadas de Portas Abertas, despois de “dous anos de pandemia no que moitas actividades económicas quedaban mermadas, incluído o turismo, aínda que propiciouse, especialmente neste verán o turismo de interior, sendo moita a xente que pasou por Valdeorras e polas nosas adegas polo que temos que conseguir que isto continúe”.

 

Asistentes ao acto no Pazo do Castro.

 

Joaquín non quixo deixar escapar a oportunidade de lembrar os dous puntos de información que hai hoxe na comarca, un no Barco e outro na Rúa, así como a sinalización da ruta e o convenio asinado co Clúster da Pizarra para impulsar o turismo industrial pedindo “a quen corresponda”, a creación dun consorcio de turismo para, unido á Ruta do Viño, dar covertura completa aos dous sectores.

A inauguración remataba coa proxección dun vídeo promocional e a degustación de viños no mesmo pazo pero tal como adiantaba o propio presidente da Ruta, a comarca encherase esta fin de semana de visitantes que chegarán no “Bus do Viño” desde Ourense, Lugo, Ponferrada e Santiago, para participar nalgunha das propostas. As adegas organizaron xornadas con diferentes actividades para amosar a actividade das súas adegas, visitando ademais as covas, e tamén haberá visitas enoculturales, paseos en bicicleta, catas e unha gran oferta de turismo de natureza.

Ademais, haberá diferentes propostas para gozar da gastronomía nunha maridaxe perfecta con viños de Valdeorras especialmente seleccionados para cada prato, así como diferentes ofertas de aloxamento. No caso do “Bus do Viño” o visitante sairá do punto de orixe no autobús acompañado dun guía, gozará de visitas a adegas e covas, catas, e terá a oportunidade de gozar da oferta gastronómica creada polos restaurantes participantes nas xornadas.

Os valdeorreses tamén poderán visitar as adegas nestas xornadas de portas abertas e mañá, 9 de outubro, celebrarse en horario de tarde unha feira de artesanía na Praza Maior do Barco.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button