OurenseÚltima hora

Arrancan en Ourense os XXII Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics Galicia

No acto inaugural o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reivindicou “un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas

Inauguración dos XXII Xogos autonómicos de atletismo Special Olympics Galicia en Ourense.

 

Na mañá deste sábado 19 de marzo, no acto inaugural dos XXII Xogos autonómicos de atletismo Special Olympics no Pavillón Municipal dos Remedios, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reivindicou “un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas. Un deporte que non entenda de xénero, nin de idades, nin de condicións”.

“Sodes a viva representación de todos e cada un dos valores que agocha o deporte: sacrificio, resiliencia, esforzo, traballo, constancia, compañeirismo e sobre todo, inclusión”, dixo Alén dirixíndose aos participantes aos que significou que o deporte é unha das ferramentas máis potentes que ten a sociedade para acadar a integración plena des persoas con discapacidade intelectual.

 

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, durante a súa intervención.

 

Gabriel Alén amosou a súa admiración e recoñecemento polos participantes desta iniciativa. “Substantivos -engadiu o delegado territorial- que resumen os meus sentimentos polas persoas que son exemplo permanente de superación e que entenden, igual que eu entendo por profesión e devoción, que das cinco áreas fundamentais do adestramento deportivo: resistencia, velocidade, forza, habilidade, e espírito, o máis importante é este último por ser o lugar onde habita o progreso e descansa o predominio”.

O representante do Goberno galego en Ourense salientou o traballo permanente da Xunta pola inclusión das persoas con discapacidade. Nesta liña, recordou que “a discapacidade, sexa do tipo que sexa, debe atenderse desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva. Non se trata de adaptarse para integrarse na sociedade, senón que é ela a que debe estar atenta ás necesidades de cada persoa”.

 

Autoridades asistentes á inauguración dos Xogos no pavillón dos Remedios.

 

Special Olympics

Special Olympics é un movemento internacional que está presente en 170 países, alcanza a 3,7 millóns de deportistas con discapacidade intelectual que participan en máis de 32 modalidades deportivas de verán e inverno. A nivel estatal están presentes en 13 comunidades autónomas ademais de Ceuta e Melilla. O alcance chega a 16.000 deportistas e 4.500 persoas entre voluntarios e adestradores que participan en 16 modalidades deportivas distintas.

En Special Olympics ofrecen adestramento deportivo e competición atlética durante todo o ano a persoas con discapacidade intelectual en diferentes modalidades deportivas, co obxectivo de que desenvolvan aptitudes físicas, demostren valor, participen nun intercambio de dons, destrezas e compañeirismo coas súas familias, atletas Special Olympics e a sociedade en xeral. Teñen o convencemento que as persoas con discapacidade intelectual poden aprender, gozar e beneficiarse da participación en deportes individuais e de equipo.

Artigos relacionados

Back to top button