ColaboraciónsCulturaCulturaMúsicaOpiniónÚltima hora

Arredor das Letras Galegas do 2020

Artigo e montaxe realizada pola valdeorresa María Elva Delgado

Ó longo desta semana, máis concretamente o 17 de maio, conmemórase en Galicia o Día das Letras Galegas (aínda que este ano debido á pandemia non se celebrará ata o 31 de Outubro) que, como sabedes, é unha celebración que se instituiu en 1963 con motivo do centenario da publicación en Vigo da obra de Rosalía de Castro, Cantares Gallegos (1863), que marcaría o inicio do “Rexurdimento” galego.

Este Día creouse para rendirlle homenaxe ás persoas que destacaron pola súa creación literaria en galego, ou pola defensa desa lingua. Cada ano adícase a unha personalidade diferente escollida pola Real Academia Galega seguindo uns criterios.

 

Vídeo da canción ” A fala e falade galego”, poema de Eduardo Pondal e interpretada por Juan Pardo.

 

Este ano o homenaxeado é Ricardo Carballo Calero, considerado como unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX.

Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1980) foi pioneiro en moitas cousas, entre elas ter sido o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas, exercendo a docencia na Universidade de Santiago. A súa traxectoria vital está moi ligada ó galeguismo desde 1926,en torno ó Seminario de Estudos Galegos, e relacionaríase con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo e outros intelectuales destacados da Xeración Nós. Participou na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Na Guerra Civil loitou no bando republicano e en 1939 foi detido e condenado a prisión. Dous anos despois foi liberado coa prohibición de exercer cargos públicos, o que o levaría ó exercicio privado da docencia en Lugo, onde estableceu relacións co galeguismo no exilio.

A súa creación literaria abarca a poesía, a narrativa, o ensaio e o teatro. Na súa producción poética destacan “Vieiros” (1931), “Poemas pendurados dun cabelo” (1952), “Pretérito Imperfeito” (1980), “Cantigas de amigo e outros poemas” (1986) ou “Reticências”(1990).

Como dramaturgo publicou: ” A sombra de Orfeo”, “Farsa das zocas”, “A arbre”, “Auto do prisioneiro” (1971) e “Teatro Completo” (1982).

Como narrador, deixou títulos como “Xente da Barreira” (1950), a primeira novela en galego da posguerra, centrada nunha saga fidalga do rural, e “Scórpio” (1987), na que retrata a xeración dos vencidos na guerra civil española.

 

Unha das obras escritas por Carvalho Calero.

 

Escribiu ademais, a “Historia da Literatura Galega  Contemporánea” (desde 1808 ata 1936) ; a primeira edición saíu en 1963 e según él mesmo comentou “estaba concebida como o volume inicial dos dous proxectados”. Mais cando, dez anos despóis, o traballo ficou concluso, achábase esgotado o volume que se publicara, e parecéu oportuno imprimir nun só todo o texto” . A terceira edición foi publicada pola Editorial Galaxia en 1981.

Aí van uns versos dun dos seus poemas:

 

Maria Siléncio

Cabeleira de chúvia, ollos de néboa.

Maria Siléncio, esfarrapada, à espreita.

 

Sempre agardando, pola noite, as barcas.

A tua angúria fala con olladas.

 

Maria Nocturna: no peirán ¿qué esperas?

¿polo dia non vives?

¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?

 

Maria Siléncio, sempre dura e muda…

¿Cál é a barca que agardas?

 

Das fontes dos teus ollos

fluen rios de sono.

Pero ti sempre dura e desvelada,

batida polo vento, no peirán…

 

Maria Siléncio, eu roubaria

no ceu

a estrela de mel,

na água

a estrela de prata,

pra che mercar a fala.

 

Se queres ulir flores,

darei-che a flor da lúa.

…………………

 

Vídeo da canción ” Maria Silencio” de Carballo Calero, interpretada por A Minha Embela.

 

Para Valdeorras tamén é importante este día porque queremos seguir reivindicando un Día das Letras Galegas para o noso paisano Florencio Delgado Gurriarán; aquí seguimos loitando para que a súa labor como escritor no exilio sexa recoñecida ademais de por nós, pola Real Academia Galega.

 

Poemario do corgomés Florencio Delgado Gurriarán.

 

Vaia a continuación uns versos dun poema adicado no seu día ós ¨ seus lonxanos viciños de Córgomo¨.

 

Córgomo de Valdeorras

Tesouro de lembranzas:

garimosas, acedas,

ou mouras de tristura

ou dóces e sinxelas.

 

Acubilladas todas,

do pasado, antre a néboa.

¿ Por qué xurden agora

na miña mente inqueda?

 

Arastora, na longa lonxanía,

volto a vivir a vida do pasado.

Lembro a nenez e lembro a mocedade,

lembro a noiva sinxela dos quince

anos.

 

……………………….

 

Vídeo Anxo Rei en Córgomo “Ahí ven o maio” de Florencio M. Delgado Gurriarán, interpretada polo cantautor valdeorrés Anxo Rei.

Feliz Día das Letras a todos os Galegos!

 

Texto, montaxe e fotos: María Elva Delgado.

Artigos relacionados

Back to top button