CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Arredor de 400 persoas implicaranse na dinamización da XII Noite de Fiadeiro, o 12 de maio en Ramirás

Hai confirmados 40 colectivos das catro provincias galegas e 23 postos de artesanía e gastronomía

Non se trata dun festival ou mostra de música tradicional ou folclórica ao uso, senón que é unha festa que implica ao visitante na súa dinámica, podendo bailar, tocar, cantar, ou simplemente desfrutar do ambiente da noite tal e como se facía antano. Así se presenta a Noite de Fiadeiro en Vilavidal, Ramirás que o 12 de maio chegará á XII edición, recuperando a esencia dos antigos fiadeiros da comarca, “aquelas reunións festivas de mozas e mozas que se xuntaban para bailar, tocar e cantar, e tamén mocear”, explican dende a organización, a Asociación Cultural e Xuvenil Rebulir.

Así, para este sábado elaborou un programa de actividades para toda as idades, entre as cales se contemplan obradoiros, pasarrúas, teatro de rúa, animacións, xogos, concertos, demostracións… así como a xa tradicional mostra de artesanía e gastronomía con 23 postos. “De novo retomaremos o Fiadeiro Cativo, onde participarán varias escolas de música tradicional, poñendo en valor o que fan os máis cativos durante todo o ano”, puntualizan dende Rebulir destacando que a principal novidade desta edición é a importante ampliación de colectivos participantes, que suman un total de corenta, chegados de todos os recunchos de Galicia. Deste xeito, arredor de 400 persoas estarán implicadas na dinamización da noite, “sempre tendo como referencia a música tradicional e de raíz durante dez horas ininterrompidas, o elemento diferenciador desta celebración”.

 

Cartel da Noite de Fiadeiro 2018.

Artigos relacionados

Back to top button