EconomíaEconomíaÚltima hora

Arrinca a campaña “En Ourense, merca e reláxate”, con centos de premios directos para o cliente

Máis de 300 establecementos do comercio local participan nesta terceira edición, que se estenderá até o 8 de novembro

Premiar a fidelidade dos clientes e promover o comercio local, á par que se realza o termalismo da cidade. Con esas premisas arrinca a terceira edición da campaña “En Ourense, merca e reláxate”, organizada dende a Federación de Comercio de Ourense (FCO). Así, dende hoxe e até o 8 de novembro, máis de 300 establecementos do comercio local repartirán entre os consumidores tarxetas-rasca con centos de premios directos. A iniciativa foi presentada esta mañá na sede da FCO pola presidenta do colectivo, Beatriz Gómez, que estivo acompañada dalgúns membros do seu equipo directivo, e tamén pola edil de Comercio, María Belén Iglesias, e a deputada de Transparencia, Monsterrat Lama.

Segundo explicou Gómez, arrinca unha das campañas máis exitosas e con máis aceptación do calendario comercial, tanto entre os clientes como entre os propios comerciantes. E é que os regalos directos, tal e como apuntan dende a FCO, soen ser un grande atractivo entre o público. Así, nesta ocasión a campaña do comercio ourensán regalará 14 estancias nun balneario ourensán da cadea Caldaria e 300 circuítos termais nas instalacións de Outariz, dos cales 50 terán dobre premio, ao incluír tamén baño con chocolate.

Para participar, só hai que mercar en calquera dos establecementos participantes -identificados cunha placa de metacrilato da FCO e os carteis da campaña- para recibir unha das 50.000 tarxetas-rasca que se repartirán. Os clientes poden saber no momento se son gañadores dalgún dos premios ofertados que, en caso de que así sexa, deberán poñelo en coñecemento da federación antes do 10 de novembro. Ademais, nesta edición amplíase o prazo para poder canxear os regalos até o 31 de marzo.

Texto e fotos: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button