EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Arte efímera na rúa e interiorismo, entre os proxectos do curso “Autoemprego e consolidación empresarial” no Barco

Este programa formativo, que contaba con 25 alumnos, finalizaba neste mediodía coa entrega de diplomas

Un total de 25 proxectos da man doutros tantos emprendedores se desenvolvían no marco do programa formativo “Autoemprego e consolidación empresarial” (promovido pola Fundación Incyde e polo Inorde), que se desenvolvía entre o 3 de xuño e o 11 de xuño no Barco. No acto de clausura expoñíanse dous deles.

Así, Jorge Barredo presentaba a súa iniciativa “enBarcArte”, un festival de instalacións artísticas no contexto urbano que se celebraba por vez primeira en setembro do pasado ano no Barco con sete instalacións en diversos lugares emblemáticos do Barco (as beiras do río Sil, a praza Maior, a praza do Concello…). “A arte pública ten unha capacidade simbólica e relacional”, destacaba Barredo, quen tamén incidía na interacción que pode ter este proxecto con outros municipios e coa súa área de influencia xa que “potencia a cultura a través do lúdico e do participativo”.

Detallaba as instalacións participantes na primeira edición, que ademais incluía unha exposición colectiva de 12 creadores e avanzaba que o proxecto vai ter continuidade.

O segundo proxecto que se expoñía na clausura era o de María del Mar Rodríguez, que leva por título “MdMar”. Está centrado no interiorismo, no deseño de espazos e no Home staging. “Este termo, que procede de Estados Unidos, refírese a un conxunto de técnicas para realzar unha vivenda e darlle un aspecto máis atractivo para posible compradores, é como unha posta en escena da casa e esixe unha despersoalización total dos anteriores propietarios e ten un efecto importante na porcentaxe de vendas”, explicaba María del Mar Rodríguez. Presentaba ademais algúns dos proxectos realizados e outros en desenvolvemento.

Ademais o director do programa, Francisco Navas, destacaba a calidade en xeral do resto dos proxectos e, entre eles, amosaba os produtos dun deles, en concreto o de Yolanda Pires de la Fuente, que se centra en produtos relacionados coa apicultura.

Este acto de clausura, que tiña lugar na academia CIX, finalizaba coa entrega de diplomas aos 25 alumnos do curso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/25-emprendedores-valdeorreses-concluen-o-programa-autoemprego-e-consolidacion-empresarial/

Artigos relacionados

Back to top button