Dende o clásico bordado en tapetes, colchas ou toallas ata foulares, abanos e mesmo, cadros, tocados ou bolsos. A versatilidade do encaixe de bolillos permite incorporalo a todo tipo de prendas. Así o teñen demostrado as mulleres de Quereño, no concello de Rubiá, que levan anos adicando boa parte do seu tempo libre a esta manualidade que ben se pode considerar unha arte, cun proceso de elaboración lento e laborioso que dá como resultado fermosas pezas case de museo.
Axudadas e guiadas pola profesora, Mari Paz, as oito aplicadas alumnas (Encarna, Pili, Conchi, Marisol, Charo, Manoli, Turi e Isolina) levan uns nove anos realizando todo tipo de artigos e “xa levabamos un tempo con ganas de facer unha exposición para que a xente vise os traballos que fixeron e poden estar orgullosas porque quedou moi bonita”, asegura a profesora que vai resolvendo as dúbidas que lles poden xurdir e coa que están moi contentas.
A exposición tiña lugar na Casa da Cultura de Quereño a pasada fin de semana, e nesta galería de imaxes podemos ver algúns ejemplos dos traballos realizados ao longo da última década, destacando pezas como un pequeno bolso elaborado con fíos de ouro e plumas, un traballo tan fermoso como laborioso.
Fotos: Carlos G. Hervella