CulturaCulturaÚltima hora

“Arte no Ar”, a ruta de arte urbana de Quiroga

O Concello vén de editar un folleto no que están sinalizados os murais, os museos e os lapis da cultura

 

A ruta que percorre os diferentes murais cos que conta a vila de Quiroga xa ten nome: “Arte no Ar”. E tamén un folleto promocional que o Concello de Quiroga acaba de sacar á rúa. Nel pode verse un mapa no que están sinalizados os murais, os museos e os lapis da cultura. Está ilustrado con fotografías destas manifestacións artísticas de altura e cunha pequena sinopse de cada unha delas. O folleto inclúe dous códigos QR que nos permiten seguir a ruta a través das plataformas de internet wikiloc e google maps.

“Foron moitos os involucrados para que este proxecto de manifestacións artísticas se levara a cabo en varios edificios da vila: a asociación cultural Quiroga en Marcha, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Deputación Provincial de Lugo e por suposto o Concello de Quiroga”, destacan dende o Concello de Quiroga, matizando que “cando a arte urbana chegou á vila foi para quedarse, arraigarse ás nosas raíces e formar parte do noso contexto”.

A ruta creada parte dende a Oficina de Turismo situada no edificio da Casa da Cultura, no mesmo edificio no que se atopan os primeiros Lapis da Cultura (2021) realizados polo salmantino Felipe Piñuela. Estes lapis pretenden poñer en valor a cultura literaria quiroguesa cos nomes de importantes escritores vinculados ao noso municipio.

A seguinte parada sitúase no entronque da rúa Real coa rúa San Martiño de Abaixo, no mural de Joseba Muruzábal, da “súper avoa vendimadora” (2020). Forma parte da serie “superavoas” que este artista plasmou por toda Galicia, representando á muller rural que realiza labores no campo ata os oitenta anos cunha enerxía e condición física sorprendente.

No cruce da rúa Lago atopamos o mural de máis recente creación “A peregrina do Camiño de Inverno” (2021). Nel Mon Devane representa a unha peregrina, coas pautas cromáticas que o caracterizan, evidenciando a importancia que ten esta ruta Xacobea para Quiroga.

 

 

A ruta leva despois ata a praza Maior onde nun lateral dun edificio da rúa Calvo Sotelo se atopa o mural de Germán González. unha “Alvariza” (2020). Nesta obra, na que non falta un oso merodeando para buscar mel, ponse en valor un dos produtos típicos da zona.

Continúa camiño da ruta polo Museo Xeolóxico antes de dirixirnos ao seguinte mural, “Xove na beira da auga” (2021). Con esta obra, o seu autor Iván Floro – Van Vuu, quere evocar -co seu estilo impresionista – o sentimento da Ribeira Sacra a través dunha moza ao lado dun río.

Na praza España, realizado por Pablo López Sanjurjo, pode contemplarse á escritora galega “Rosalía de Castro” (2021). Un retrato que serve para dar voz a cuestións tan de actualidade hoxe en día como os dereitos das mulleres, a defensa do galego ou a denuncia da emigración.

En dirección ao centro de saúde atópase outro dos murais, realizado polo quirogués José Luís Lemos, unhas flores enmarcan o título de “Bésame en esta esquina” (2021). A partir desta frase o autor propón un espazo agradable e romántico para bicarse.

Nunha fachada do Pavillón Municipal Abi Castillo baixo o título de “Sororidade” (2020) plasmou dúas mulleres. Representa a solidaridade entre as mulleres nun contexto de discriminación sexual e violencia patriarcal en conmemoración do Día Internacional da Muller.

Tras pasar polas inmediacións do Centro de Educación Infantil e Primaria, onde se pode ver o muro da praza do Albergue Municipal cunha composición xeométrica de vistosas cores “Escala cromática” (2020); chégase ata a fachada do Albergue Municipal. “A lavandeira do Sil” (2015) pintouse para promocionar a Ribeira Sacra. Realizado polo artista Miguel Peralta, representa a imaxe dunha aureana ou lavandeira, un ser mitolóxico relacionado coas lendas das sereas dos ríos e as mouras. Neste mesmo edificio tamén atopamos outra das series dos lapis da cultura.

E finalmente no Auditorio Municipal está o “Neno coa oliva” (2021). Este mural de Mon Devane quere poñer en relevancia un dos produtos que tanto significa para Quiroga: o aceite.

A ruta remata neste mesmo edificio onde se atopa o Museo Etnográfico de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button