CulturaCulturaÚltima hora

A arte que se mira coas mans

O Auditorio Municipal do Carballiño acolle ata o 22 de decembro a exposición “Mirar conTacto_Pintura para Discapacidad Visual” co obxectivo de promover a integración de persoas cegas e sensibilizar á sociedade

 

A arte non só ten que estar destinada ás persoas que poden ver. A xente cega ou con algunha discapacidade visual tamén ten dereito a poder apreciar os trazos dun cadro ou as cinceladas dunha escultura. A exposición “Mirar contTacto_Pintura Discapacidad Visual“, que dende hoxe e ata o 22 de decembro estará na sala de Exposicións do Auditorio Municipal do Carballiño, ten como obxectivo principal o de achegar a arte a esas persoas que non poden ver e aqueloutras que desexen sensibilizarse coa situación dos invidientes.

Esta inicitativa pioneira, desenvolvida pola Fundación María José Jove e co patrocinio de Caixabank, fai accesible a arte a todas as persoas que padecen algún tipo de discapacidade visual. Unha ferramenta de sensibilización que conta con seis obras pictóricas e dúas esculturas de bronce que forman parte da Fundación María José Jove. A través dun sistema de relevos e texturas que permiten realizar un percorrido coas mans e cuns auriculares que indican o que se está a palpar, os asistentes poderán coñecer as características da obra sen ter que mirarla.

A pesares de estar pensado para persoas con pouca ou nula capacidade visual, a mostra pode ser visitada para calquera persoa, pois o sistema inclúe antifaces para facer o percorrido sen ver absolutamente nada e experimentar o que se sente cando a arte só se pode mirar coas mans.

Como complemento á visita desta mostra están previstas 18 actividades dirixidas ás familias, escolares e persoas con discapacidade, que inclúen puzzles, modelado e linguaxe braille, entre outras.

Na presentación hoxe, director de Caixabank no Carballiño, Félix Rodríguez, amosouse orgulloso de facer proxectos como este, “que contribúen a facer unha sociedade máis xusta”. Pola súa parte, o alcalde da localdidade, Francisco Fumega, agradeceu á Fundación María José Jove e a Caixabank a implicación da obra social con O Carballiño, “permitindo achegar á veciñanza unha experiencia tan humanizadora e sensible coas persoas con discapacidade visual”.

A exposición estará aberta ata o 22 de xaneiro, de luns a sábado, en horario de 11:00 a 13:00 horas, aínda que tamén permanecerá aberta coincidindo coas actividades programadas no auditorio para este Nadal, de forma que permita a máxima afluencia posible.

 

Artigos relacionados

Back to top button