OurenseÚltima hora

Artesanía, moda e gastronomía no “Pop Up Market” de Ourense

Un total de 40 expositores de mozos emprendedores xúntanse con eventos como concertos ou ponencias

O “Pop Up Market” de Ourense abriu onte as súas portas na Alameda de Ourense. Un espazo no que conflúen un total de 40 expositores de produtos feitos por “emprendedores da cidade”, dixo Cristobal Cudeiro, o organizador do evento.

Xa dende a súa apertura, este “Pop Up Market” foi un rebulir de xente. A artesanía, moda, tendencias, agasallos, xoguetes ou gastronomía son algunhas das ofertas dos postos presentes baixo a carpa. Segundo explicou Cristobal Cudeiro, o obxectivo deste primeiro mercado de Nadal de Ourense é “que en cada momento haxa algo que ver e que facer”. É por iso que, ademais dos postos de venta, haberá “23 actividades paralelas”, como as mesas redondas e relatorio dos emprendedores, nas que explicarán como foi a clave do éxito do seu produto. Asemade, teñen previsto ofrecer un concerto cada noite. Esta noite, ás 21:00 horas, os encargados de animar a velada será o grupo “En Mala Hora”, mañá á mesma hora será a quenda de “MCarballo Band”, o venres “The Super Aphonics” e o sábado tocará “The Tetas Band”.

Pero a intención da organización do “Pop Up Market” é facer un evento “atractivo para toda a familia” e por iso contarán tamén con animación infantil a cargo do Mago Teto, Papá Noel e o Apalpador, así como obradoiros de manualidades. Pero a gastronomía non queda fóra, xa que tamén haberá postos de venta de “food truk” ou carabanas de comida.

No eido das conferencias, o encargado de inauguralas foi o cociñeiro ourensán afincado en Madrid, Alfonso López, que ofreceu unha relatorio chamada “Como gañar o pan na rede?”. O cociñeiro e blogueiro gastronómico contou aos asistentes como fixo rendible o seu blog gastronómico. Resaltou que “hai tres anos eramos a miña muller e mais eu e agora xa somos un equipo de xente”. López contou que neste momento o seu blog dá para “ter un soldo e pagar os gastos”, asemade recordou que serve para “darlle traballo á xente”.

A concelleira de Xuventude, Sofía Godoy, resaltou durante a inauguración que a meirande parte dos mozos e mozas que expoñían os seus traballos neste mercado “non teñen tenda física, senón que xestionan todo a través da rede”. A edil amosouse contenta por colaborar con esta iniciativa a través da súa área.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button