CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Artesanía para capturar a beleza efémera das flores da man da valdeorresa Elisa Fernández

Esta estudante de Bioloxía, natural de Rubiá, elabora pendentes e colgantes con flores naturais prensadas e resina

Elisa Fernández Carracedo, natural de Rubiá./ Foto: Eva Piay.

 

Son tan delicadas como fermosas. Tanto polas súas cores, como polas súas formas. As flores fascinan á valdeorresa Elisa Fernández Carracedo dende ben pequena, pero non foi ata anos despois cando decidía estudalas. “Sempre me gustou moito a natureza, crieime en Rubiá e vivín sempre entre ela, e supoño que iso tamén me levou a acabar en bioloxía, e na carreira empeceime a interesar moito polo mundo das plantas”, conta esta estudante.

E o pasado ano daba un paso máis: capturaba a efémera beleza das flores a través da artesanía. “Durante a pandemia comecei a ver vídeos de traballos que se podían facer con resina e comprobei que permitían lograr pezas moi bonitas, entre elas pendentes. Ademais a resina ofrecía a posibilidade de encapsular flores, algo semellante ao que sucede co ámbar, no que queda o material vexetal dentro. Iso gustoume moito e empecei a investigar e a probar”, explica. Iniciaba, como se dun pasatempo se tratase, unha aprendizaxe autodidacta, e os resultados empezaron a agromar en forma de pendentes e colgantes.

Foi entón cando as súas amigas lle propuxeron que creara unha conta en Instagram para amosar os traballos feitos, “paréceume boa idea e fíxena”. Así nacía @argallando_, na que pode verse unha escolma do seu traballo creativo e tamén divulgativo. “Non quería amosar simplemente os pendentes e as pezas que facía, senón que nela quería ensinar de forma divulgativa as plantas que usaba, para que a xente non só levara os pendentes, senón que tamén soubera a flor que ía dentro deles.

Cada pendente ou colgante son únicos. “Son pezas a man feitas, artesanais, con anacos de natureza e a natureza é irrepetible. Si que hai pezas parecidas, pero ningunha igual”, comenta esta moza valdeorresa. Este labor artesanal, que segue sendo unha afección para Elisa, comeza coa recollida e selección das flores. “Sempre escollo aquelas que me gustan e que penso que poden quedar bonitas. Normalmente son flores que coñezo ou que poida identificar, que me chaman a atención polas cores ou porque me pareza que a súa forma poida encaixar ben nuns pendentes, por exemplo. Cólloas e prénsoas. Ao principio prénsabaas en libros, pero logo o meu pai fíxome unha prensa botánica. Dese xeito quedan moito máis lisas e manteñen ben a forma e o color”.

 

Elisa Fernández elaborando pezas de flores prensadas con resina./ Foto: @argallando_

 

E logo ben o traballo coa resina. “Non é un proceso complicado, pero si longo e lento, pode durar ata dúas semanas”, asegura Elisa Fernández. O máis difícil é conseguir que as flores queden ben secas “porque poden quedar secas, pero cambiar de color ou poñerse brancas ou murchas, apodrecer. O que hai que conseguir é que as flores queden cunha boa forma e bo color tamén”. O seguinte paso é decidir o deseño, “pensar como vou facer as cousas e, aí, hai moitos intentos e fallos tamén, moitas pezas descartadas polo camiño”, comenta.

Seguindo a súa conta en Instagram, que tivo unha gran aceptación, pode verse a diversidade de pezas elaboradas. “Quedei bastante satisfeita dende o principio porque non esperaba para nada que fora a ter tanta repercusión, non pensaba que fora pasar dos 100 seguidores e agora estou nuns 700”, conta. Moitos deles son xente moza, coma ela, pero tamén hai persoas doutras idades.

 

Pezas elaboradas por Elisa Fernández./ Foto: @argallando_

 

Con este proxecto, Elisa Fernández pretende que a sociedade coñeza e valore o mundo das flores e das plantas, algo que ela viviu dende pequena. “A xente cóntame que cando vai por aí e ve unha flor pequeniña acórdase de min, e iso unha das cousas que máis me gustan. A divulgación encántame e sempre trato de facela didáctica e amena nas historias para que as persoas poidan interaccionar. E si que noto interese na xente en saber que plantas son e as características que teñen. Por exemplo, creei un pequeno herbario con flores e con plantas nas historias e antes de empezar a facelo realicei unha sondaxe entre os meus seguidores e a moitísima xente interesáballe. Iso xa dá moitas ganas de seguir explicando para que os demais vexan o bonito que é fixarse nas plantas e nas flores que se atopan”.

 

Outro deseño de pendentes./ Foto: Eva Piay.

 

Ademais, esta moza de Rubiá aposta por poñer en valor a cultura popular vinculada ao mundo das plantas.  “Dos meus pais aprendín moitísimo de plantas, aínda que de pequena igual non me interesaba tanto en aprender os nomes. Hoxe véxoo dende unha perspectiva diferente e penso: cantas cousas aprendín e que pena que agora mesmo moita xente non saiba diferenciar unhas plantas de outras”.

Nesa liña, xurdía outra iniciativa que vén de publicar recentemente na súa conta de Instagram. “Neste verán, a miña prima e máis eu, traballamos nun fanzine e fixemos pezas con barro de plantas que se poden atopar pola zona e que son medicinais. Pintámolas e logo fixémoslle fotos. Elaboramos como un herbario con plantas de barro e ao lado puxémoslle as propiedades de cada unha delas e se hai algunha lenda asociada, algunha cuestión de cultura popular”.

O seu proxecto continúa vivo e permite achegar aos máis novos a beleza, o valor e o saber das moitas e diversas plantas que poden atoparse na xeografía galega.

Máis información: @argallando_

Artigos relacionados

Back to top button