CulturaCulturaÚltima hora

O artista barquense Iván Prieto expón en Santiago de Compostela

A mostra “Mundo Bizarro. Gabinete de curiosidades” inaugúrase o 22 de decembro e estará aberta ata o 10 de febreiro
Imaxe da presentación da exposición de Iván Prieto.

A galería de arte Federica No Era Tonta (rúa do Vilar, nº 48) de Santiago de Compostela, acolle dende o venres 22 de decembro, unha exposición do artista barquense Iván Prieto.

Fiel á súa plástica extravagante e surrealista, coa obra que forma parte da súa nova exposición titulada “Mundo Bizarro. Gabinete de curiosidades”, o escultor volve sumerxir ao espectador nun mundo “bizarro e inquedante”. De feito, tal como explican dende a galería, o título da mostra fai referencia ás salas que xurdiron no século XVII e que constitúen os precedentes dos museos actuais. “Os gabinetes de curiosidades eran lugares onde podían atoparse dende fetos con malformacións ou animais taxidermizados, ata recipientes que supostamente contiñan sangue de dragón, e incluso algunha obra de arte”.

Malia a súa preferencia polas figuras grotescas e deformes, a obra de Iván Prieto “ten a capacidade de transmitir un gran lirismo e de conmover ao espectador”. A exposición inaugúrase este venres ás 20h. e poderá visitarse ata o 10 de febreiro de luns a venres de 11 a 14h. e de 17 a 20h. e os sábado de 12 a 14h.

 

“El deseo”, unha das obras da exposición.

 

“Gotas”, outra das obras.

 

Artigos relacionados

Back to top button