ConcellosÚltima hora

#ARTISTASDACASA, unha iniciativa do Concello da Rúa para dar a coñecer o talento da xente de Valdeorras

Trátase dunha "comunidade" creada a través do Facebook para que os veciños da comarca amosen, durante o confinamento, as súas habilidades artísticas

O alcalde da Rúa Álvaro Fernández e a concelleira Joana Gómez, na alcaldía./ Foto cedida.

 

As novas tecnoloxías e, sobre todo as redes sociais, están sendo os grandes aliados neste período de confinamento a causa da pandemia do Covid-19. E precisamente o Facebook é a ferramenta que están utilizando dende o Concello da Rúa para poñer en marcha unha serie de iniciativas para amenizar dende a casa a corentena que a poboación debe cumprir para evitar a propagación do virus.

Hai un par de semanas, a entidade local que preside o popular Álvaro Fernández poñía en marcha un campamento dende casa, con ideas e actividades especialmente dirixidas aos máis pequenos (por suposto, coa axuda das familias), e agora propoñen unha nova iniciativa dirixida a toda a poboación, pero non só da Rúa senón de toda a comarca de Valdeorras.

Trátase do proxecto #ARTISTASDACASA. Unha comunidade virtual que xurde coa idea de “por un lado, amenizar un pouco a corentena dende a casa e por outro, dar difusión e poñer en valor aos artistas e talentos da comarca”, explica a concelleira de Asuntos Sociais da Rúa, Joana Gómez. Ela mesma  explica que pode participar calquera veciño ou veciña da comarca, calquera que sexa a súa habilidade artística (cantar, bailar, tocar un instrumento,…) e para participar “o único que teñen que facer é publicar un vídeo ou fotografía do seu talento co hastag ARTISTASDACASA desde onde se difundirá”, di Joana. Ademais algúns artistas xa consagrados subirán actuacións súas e nominarán a outros queiran colaborar ata ir formando unha gran cadea a través da rede.

 

 

Joana tamén avanza que a medida que vaian recibindo vídeos cos talentos irán publicando outras iniciativas. “Propostas sempre vencelladas ao talento da xente da comarca”.

Con respecto ao Campamento Na Casa, dende o Concello aseguran que está tendo moi boa acollida. “Os pais están encantados de que os nenos estén pendentes do calendario de actividades propostas, de que chegue o día e poidan compartir os vídeos cos compañeiros do campamento virtual. Compartir as actividades que van facendo a través das redes sociais, é unha pequena vía de escape nesta situación que están vivindo sen poder saír de casa”, explica Joana, asegurando que como se prolongou o estado de alarma o que farán será “propoñerlle outro calendario de actividades para ourtos quince días para amenizarlles o confinamento tanto aos nenos como ás familias”.

Artigos relacionados

Back to top button