EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

As adegas galegas poderán solicitar o préstamo vendima ata o 15 de outubro

O conselleiro do Medio Rural, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, visitou Castrelo de Miño para coñecer os traballos da colleita no Ribeiro

 

Ata o concello ourensán de Castrelo de Miño se trasladaba neste martes o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, para coñecer a evolución dos traballos da vendima na denominación de orixe Ribeiro.

Nesta visita aos viñedos de Ramón do Casar, o conselleiro lembrou que as adegas interesadas poden solicitar o préstamo vendima ata o vindeiro día 15 de outubro. Esta liña de crédito, salientou González, ten por obxecto facilitarlles a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Está deseñada para facer fronte ás dificultades xeradas pola pandemia no sector vitivinícola.

O conselleiro fixo fincapé tamén na necesidade duns prezos competitivos tendo en conta que o consumidor final, “sabe apreciar ben a calidade e o carácter especial dos viños galegos, e está disposto a pagar por iso”.

Por outra banda, o titular de Medio Rural destacou que a Xunta actúa tamén, en coordinación cos consellos reguladores, desenvolvendo un plan de control da vendima destinado a protexer a calidade dos viños galegos. Nesta iniciativa participan un total de 15 inspectores, que velan porque todo o proceso se desenvolva de acordo co estipulado na normativa vixente e nos pregos de condicións dos consellos reguladores.

Lei de recuperación da terra

José González referiuse así mesmo á Lei de recuperación da terra agraria como outra das vías de apoio ao sector do viño, porque esta norma aposta pola ordenación e a adecuada xestión do territorio. Sinalou que se trata de “colocar cada cousa no seu sitio, potenciando a compatibilidade dos diferentes usos: agrario, gandeiro e forestal”, e tamén de fomentar a seguridade xurídica para os titulares da terra, así como a xeración de recursos e de rendibilidade a partir da recuperación dos terreos.

O conselleiro remarcou que este labor se implementa a través de instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, que conforman unha verdadeira “caixa de ferramentas para recuperar terras e poñelas en produción, de xeito sustentable e buscando, ao tempo, unha anticipación ao problema dos incendios forestais”. Neste sentido, José González fixo fincapé nas arredor de 10.000 hectáreas que se solicitaron dende as propias denominacións de orixe vitícolas para levar a cabo os devanditos polígonos de viñedo e salientou que, desa superficie global, unhas 1.400 corresponden á denominación de orixe Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button