En portadaGalerías de fotos

As alfombras do Corpus enchen de cor as vilas

Entre as localidades ourensás onde se mantén este costume están O Barco e Trives

Pétalos de centos de flores, fiunchos, follas, pero tamén grans de arroz, café, sal ou serrín tinxido de multitude de tonalidades. Dende primeira hora da mañá do 7 de xuño, as alfombras florais comezaban a sementar de debuxos e cor as rúas do casco antigo do Barco. Estas composicións vexetais son o resultado de moitas horas de traballo que comezan días antes e que se intensifican nas horas previas ao domingo. Este costume, que se repite cada Domingo de Corpus na vila valdeorresa, ademais de noutras localidades do oriente ourensán e de Galicia, involucra aos veciños do casco antigo barquense, coordinados dende a Asociación Porto da Barca.

Numerosas persoas se achegaban dende o mediodía ata esta parte da vila para desfrutar destas fermosas alfombras, elaboradas con sumo coidado para recibir á procesión do Corpus.

Outro das zonas do oriente ourensán onde se engalanaban as rúas con alfombras era A Pobra de Trives, tal e como pode verse nas imaxes finais desta galería. Ademais instalábanse altares na rúa como o elaborado pola Asociación de Antigos Alumnos de Santa Leonor da vila trivesa.

Fotos: Ángeles Rodríguez e Carlos G. Hervella (fotos O Barco)/ Berardo Araújo (Trives)

Artigos relacionados

Back to top button