CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

As análises confirman que O Castrillón (Larouco) é un poboado fortificado da segunda Idade do Ferro

Os investigadores de Xeitura cren que o asentamento foi "probablemente abandonado no cambio de era coincidindo coa romanización de todo ese territorio"

Cabana rupestre recuperada nas escavacións arqueolóxicas a vista de dron./ Foto: Xeitura S. Coop. Gal.

 

O xacemento arqueolóxico do Castrillón (Larouco) era un poboado fortificado da segunda Idade de Ferro. Así o veñen de confirmar os resultados das mostras tomadas durante a primeira escavación arqueolóxica realizada neste asentamento, hai 5 meses, e que agora se veñen de facer públicos.

Inicialmente fora rexistrado como un asentamento fortificado no Catálogo do Patrimonio Cultural do Plan Básico Autonómico. Porén, non fora nunca obxecto de ningunha intervención arqueolóxica que permitira definir a súa antigüidade, dimensións ou estrutura. Razón pola que a Consellería de Cultura e Turismo, dende a Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, impulsou, a petición do Concello de Larouco, para o segundo semestre do ano 2020 unha actuación de investigación, protección e posta en valor do lugar.

O proxecto foi financiado integramente pola Consellería de Cultura e Turismo, cun investimento de 15.000€ executado mediante a adxudicación dun contrato de servizo á Sociedade Cooperativa Xeitura: xestión integral do Patrimonio.

“O Castrillón emerxe prominente entre os ríos Xares e Bibei nun entorno de alto valor natural, dentro da Rede Natura, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e nunha Área de Especial Interese Paisaxístico. Característica que obrigou a retrasar o inicio dos traballos arqueolóxicos ata o mes de setembro, fóra da época de cría de aves rapaces. Esta condición determinou igualmente que os traballos de roza e limpeza da vexetación foran supervisados en todo momento por un técnico ambiental”, tal e como explican dende Xeitura S.Coop.Gal.

Así, mantendo unha plena coordinación cos Axentes Forestais do Distrito XIII “acordamos actuar en exclusiva sobre a vexetación arbustiva e facilitar mediante a técnica do clareo que o lugar sexa ocupado en exclusiva por especias endóxenas como as aciñeiras. Procurando desprazar fóra do poboado aquelas outras árbores consecuencia de reforestacións modernas como o piñeiro”, apuntaba o ambientólogo de Xeitura Raúl Fernández.

 

O impresionante sistema defensivo do Castrillón, a vista de dron./ Foto: Xeitura S. Coop. Gal.

 

 

Sen vestixios de romanización

Practicáronse dúas sondaxes arqueolóxicas en diferentes puntos do xacemento coa finalidade de poder obter unha primeira valoración con respecto a súa cronoloxía. Na primeira delas, acometida na parte superior do recinto, localizouse unha cabana escavada na propia rocha e de morfoloxía angular.

“Malia a que só conservaba unha fiada do muro a cabana é facilmente interpretable ao ter sido toda ela escavada no propio substrato. Identificamos parte do pavimento interior da mesma e no seu exterior recollemos dous obxectos que podían aportarnos cronoloxías relativas e absolutas sobre o seu momento de ocupación. Un fragmento de cerámica e restos de carbóns. Se ben a primeira podía deixar dúbidas a datación radiocarbónica dos segundos é incuestionable. Atopámonos perante un poboado fortificado da Segunda Idade do Ferro, probablemente abandonado no cambio de era coincidindo coa romanización de todo ese territorio”, conta o arqueólogo de Xeitura Martiño Xosé Vázquez.

 

Restos de carbón atopados no Castrillón que foron analizados no laboratorio en Miami (USA) para datar o xacemento./ Foto: Xeitura S. Coop. Gal.

 

A segunda das sondaxes foi practicada no extremo sur do xacemento. Neste punto foi descuberto un muro de socalco ou bancal propio do cultivo da vide no lugar. Malia a isto recolléronse igualmente mostras dunha das cepas enterradas que foron entregados á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia para o seu estudo. Podendo encontrarnos perante unha variedade prefilosérica.

O xacemento posúe ademais un dos sistemas defensivos máis monumentais de todos os coñecidos ata o momento nos castros galegos.

Unha aposta de Larouco pola recuperación patrimonial

Malia a que o proxecto inicial tiña previstas varias actividades de divulgación dos traballos e os valores do propio xacemento na comunidade local, todas estas tiveron que ser suspendidas por mor da situación sanitaria actual. No seu lugar editáronse pequenos vídeos interpretativos orientados a súa difusión en redes sociais co fin de comunicar o avance dos traballos dun xeito seguro. Actuación que se complementará agora coa instalación dun panel interpretativo e un programa de visitas guiadas de cara a temporada estival.

“Apostar pola recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica dos principais puntos de interese dentro do noso concello é un dos obxectivos estratéxicos do noso mandato”, afirmaba a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. “Pretendemos empregar como eixo vertebral de desenvolvemento a combinación da tan importante actividade vitivinícola do noso municipio xunto coa vía de comunicación milenaria que é a Via Nova, hoxe entrada natural á Ribeira Sacra, candidata a ser Patrimonio da Humanidade”.

Artigos relacionados

Back to top button