ConcellosÚltima hora

As árbores que medran na beirarrúa lindante co campo de San Roque, na Rúa, crean polémica

O Concello convocaba un pleno extraordinario informativo solicitado pola oposición

 

Non é a primeira vez que as árbores e a súa corta provocan polémica na Rúa. Nesta ocasión o tema de debate son os plataneiros que crecen na beirarrúa lindante co campo de San Roque, que veñen de ser podados.

O lugar onde están ubicados, en medio dunha beirarrúa da travesía de acceso á vila, levou ao equipo de goberno popular a plantexar a posibilidade de cortalos, aludindo ao difícil acceso en cadeira de rodas, carriño de bebé ou mesmo a pé, sendo o percorrido máis curto para cruzar a estrada polo único paso de peóns existente. Unha posibilidade que foi consultada á Asociación Cultural Sabugueiro, da Rúa Vella, que á súa vez convocaba unha reunión veciñal.

A consulta, sen informar á corporación, non foi ben acollida pola oposición que a falta de comisión solicitaba un pleno. Unha sesión extraordinaria informativa que se celebraba na mañá do 22 de xaneiro. No decurso do pleno, tanto PSdeG-PSOE como BNG amosaron a súa disconformidade coas formas, asegurando que existen outras alternativas sen necesidade de cortar as devanditas árbores que constitúen un sinal de identidade do acceso á vila. “Buscamos información sobre a situación según se establece legalmente que é a través dunha comisión informativa que pedimos con urxencia antes da reunión prevista coa asociación, pero non se convocou nin se nos informou de nada. Se o alcalde quere consultalo cos veciños está no seu dereito pero os grupos que formamos a corporación tamén temos dereito a que se nos consulte”, dixo o voceiro socialista, Luis Fernández Gudiña. Unha exposición que era corroborada pola voceira nacionalista María G. Albert. “Hai que Informar á corporación municipal das cuestións municipais pero tal como están plantexadas as comisións non se fai, e se o Concello da Rúa quere saber a opinión da veciñanza sobre determinadas cuestións, neste caso a necesidade de cortar as árbores, terá que convocala pero parécenos feo que o faga a través dunha asociación cuxo labor non é ese e que crea conflito dentro da asociación coma se a iniciativa fose dela”.

 

As árbores da polémica.

 

O alcalde Álvaro Fernández pola súa banda asegurou que tiñan intención de convocar unha comisión cando se tivese o informe completo, coas posibles solucións, custe e demais xa que antes non había de que informar. “A nosa intención dende o principio é o cambio do paso de peóns para evitar que a xente cruce indevidamente e que molesten as árbores, o problema é que esa estrada non é nosa. Agora xa podemos avanzar que posiblemente se faga ese cambio e así non sería necesario cortar as árbores nin facer ningún tipo de investimento. A nosa intención non era crear polémica senón buscar a opinión da asociación que eles fixeron extensiva ao resto dos veciños. Non había ningunha decisión tomada non había nada que informar na comisión, porque xa lle comentara o tema a vostede particularmente”, dixo, dirixíndose ao voceiro socialista. Ademais o alcalde adiantou que tamén deberán estudar o estado das árbores “porque parece que non están en bo estado”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button