SanidadeÚltima hora

As asociacións de pacientes visitan o novo edificio de hospitalización do CHUO

Os visitantes recibiron información sobre algúns dos primeiros proxectos de innovación que se van a levar a cabo nesta nova área sanitaria
Os representantes das asociacións estiveron acompañados polos especialistas.

Representantes de todas as asociacións de pacientes, organizacións non gubernamentais, centros e fundacións socio-sanitarias, con implantación en Ourense, responderon hoxe, 11 de outubro, á invitación da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense para visitar as instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, no seu novo Edificio de Hospitalización, e coñecer as novas posibilidades  de colaboración multidisciplinar, “no interese común de mellorar a calidade asistencial e vital dos pacientes da provincia”, apuntan dende a Xerencia.

Os representantes das distintas asociacións foron recibidos polo responsable da EOXI, Dionisio López Bellido, que os convidou a participar e propoñer novos proxectos de colaboración, para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras, e ofreceu a colaboración do complexo en calquera iniciativa que teña por obxectivo potenciar o traballo conxunto en prol do interese común polo paciente.

Na visita estiveron acompañados polos responsables das direccións de procesos asistenciais das áreas médicas e de enfermería, Juan Antonio Ortigueira e María José Menor, da responsable da Unidade de Innovación, María Herranz, dos xefes dos servizos de Rehabilitación e Traballo Social, Xoan Miguens e Celsa Perdiz,  e dos traballadores  sociais que desenvolven súa labor no CHUO, e nas distintas unidades asistenciais, seus referentes mais directos, no día a día en hospitais e centros de saúde.

Así, os representantes dos pacientes, e das súas familias, non só coñeceron o novo Edificio de Hospitalización, senón que recibiron información directa, por parte dos técnicos e responsables clínicos, para coñecer algúns dos primeiros proxectos de innovación que se desenvolverán nel.

O responsable da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Dionisio López Vellido, “as novas instalacións abren novas posibilidades de colaboración, xa que se trata de centrar a asistencia na poboación real de Ourense, explorando novas fórmulas asistenciais, adaptadas á cronicidade e o envellecemento, protagonista do día a día asistencial,  na procura non só de curar, senón de manter e promover a saúde, protexer a capacidade funcional, e potenciar a autonomía da maioría dos pacientes da provincia”.

Artigos relacionados

Back to top button