EconomíaEconomíaÚltima hora

As axudas da Xunta a empresas e autónomos, eixo dunha xornada na Casa Grande Viloira (O Barco)

O seu título será "Camiño de Futuro" e terá lugar o luns 14 de marzo ás 12h.

Exterior da Casa Grande de Viloira (O Barco).

 

O próximo luns, 14 de marzo, dará comezo no Barco de Valdeorras a primeira das paradas do “Camiño de Futuro”, un acto no que a Xunta dará a coñecer o mapa de apoios para 2022 destinados a empresas e autónomos, congregando para iso ao representantes dos organismos que nos que recaen a maioría das axudas destinadas ao tecido empresarial e produtivo.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain), de Agader, da Axencia Galega da Industria Forestal e dos Grupos de Desenvolvemento Rural explicarán todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, etc, e mesmo actividades non agrarias no rural. Un abano de apoios e axudas para o sector empresarial que os organismos responsables explicarán o vindeiro luns na Casa Grande de Viloira.

“Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade a Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer os apoios da administración, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos”, segundo informan os promotores da iniciativa.

A primeira sesión que se realiza na provincia de Ourense terá lugar no Barco de Valdeorras o luns 14 e terá continuidade en Allariz o 16, e finalizará en Beade o seguinte luns, 21 de marzo.

No Barco, a Casa Grande de Viloira, acollerá a partir das 12 as intervencións de distintos responsables de entidades provinciais e galegas e contará coa experiencia innovadora de éxito das empresas Samaca, Regalsa facility service e Meraki Cakes & Food S.L. Están confirmados máis de medio centenar de xerentes de empresas e autónomos e autónomas, así como representantes de colectivos empresariais como a asociación anfitrioa, Aeva, o Clúster da Pizarra de Galicia, Acoval, e outras entidades da contorna.

Artigos relacionados

Back to top button