DeportesÚltima hora

As barquenses Ángela e Sofía Bussieres (CV Ribeira Sacra), seleccionadas pola Real Federación Española de Voleibol

Foron convocadas para o Plan Nacional Voleibol enmarcado no Programa 2025 na categoría sub15 cuxas primeiras xornadas de tecnificación celebraranse en Soria do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 10 de xaneiro

Ángela Bussieres López./ Foto: CV Ribeira Sacra.

 

O Barco de Valdeorras segue sendo cuna de bos deportistas e unha nova proba témola en voleibol. Dúas barquenses, membros do Club Voleibol Ribeira Sacra de Monforte, veñen de ser seleccionadas pola Real Federación Española de Voleibol para o Plan Nacional Voleibol enmarcado no Programa 2025 na categoría sub15.

Trátase das irmás Ángela e Sofía Bussieres López, dúas xogadoras que se incorporaron ao club monfortino sendo infantís, seguindo a estela da súa irmá Clara que tamén xogou no Ribeira Sacra ata a súa etapa xuvenil. “Como club estamos moi orgullosos de que os seleccionadores da Federación Galega de Voleibol se fixaran nas nosas deportistas e así llo fixemos saber á Real Federación Española de Voleibol”, din dende Monforte, asegurando que para Ángela e Sofía “será dende logo unha experiencia inesquecible, aprendendo de grandes adestradores e compartindo grandes experiencias con xogadoras chegadas de distintos puntos de España”.

 

Sofía Bussieres López./ Foto: CV Ribeira Sacra.

 

Tanto o director deportivo do club Manolo Martínez (tamén adestrador das rapazas durante a súa etapa infantil), como a adestradora Yoraxy Melean en categoría cadete, síntense satisfeitos co traballo realizado. “Novas así demóstrannos que imos polo bo camiño á hora de formar a nenas da canteira para formar parte tanto da Selección Galega como da Española”, aseguran.

Pola súa banda, a presidenta do club Yolanda Maciñeiras deséxalles o mello, “que aprendan moitísimo e sobre todo que o desfruten porque estas experiencias son únicas”. As primeiras xornadas de tecnificación realizaranse en Soria do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 10 de xaneiro.

 

Artigos relacionados

Back to top button