CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

As barquenses Inés López Doporto e Antela Roo Calvo, premiadas no Congreso de Mozos Expertos

Estas dúas alumnas do IES Martaguisela lograban galardón á mellor ponencia técnica neste foro pola comunicación "Enerxías non tan limpas"

 

Un total de 16 comunicacións presentábanse, da man de 32 relatores de 5 centros escolares do Barco, Ourense, Puente Domingo Flórez e Ponferrada, no terceiro Congreso de Mozos Expertos, celebrado nesta última cidade. Esta edición este foro vén de centrarse na temática dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e, concretamente, o ODS 7 sobre o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sostible e moderna. Entre as comunicacións presentadas estaba a de “Enerxías non tan limpas”, a cargo de Inés López Doporto e Antela Roo Calvo, alumnas de 1º de Bacharelato do IES Martaguisela do Barco.

Os alumnos traballaron con seriedade e expoñían uns “relatorios claros, concisos e, mesmo, cheas de creatividade”, segundo a organización do encontro. A exposición realizábase no salón de actos da Universidade de León no Campus de Ponferrada e os docentes que acompañaban aos relatores valoraron moi positivamente a posibilidade desa toma de contacto directa co ámbito universitario.

Como peche e nun dos momentos máis esperados polos relatores, o Comité Técnico do Congreso anunciaba os premios que destacaban ao mellor relatorio técnico, que recaía na ponencia de Inés López e Antela Roo do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras, mentres que “O futuro da enerxía unha volta ás orixes” de Pablo López e Sergio Pérez do CCB A Asunción de Ponferrada facíase coa distinción ao enfoque máis innovador.

 

 

Con este recoñecemento a organización quixo recompensar o traballo, o esforzo e a iniciativa destes novos estudantes do CCB A Asunción e o Colexio Diocesano San Ignacio de Ponferrada, o IESO Puente de Domingo Flórez, o IES Martaguisela do Barco de Valdeorras e o CPR Plurilingüe María Auxiliadora – Salesianos de Ourense.

A organización agradecía a colaboración “de todas as persoas que co seu traballo contribuíron a levar adiante o evento, precisamente nunha edición na que se puido retomar o formato presencial tras unha 2ª edición que houbo de celebrarse de maneira telemática debido á situación sanitaria”.

Ademais avanzouse que o congreso terá a súa continuidade cunha 4ª edición que seguirá centrada na Axenda 2030 e, concretamente, no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 12: Consumo responsable e sustentabilidade. Queda aínda pendente a data e o lugar de celebración pero, mantendo o espírito de creación do evento, terá lugar en torno ao Día Mundial da Enerxía, unha xornada de concienciación para poñer de relevo a importancia do uso racional e eficiente dos recursos enerxéticos e da obtención de fontes de enerxías limpas.
ODS7, o reto do acceso á enerxía

Esta 3ª edición deste Congreso de Mozos Expertos foi organizada pola Fábrica de Luz. Museo da Enerxía, a Fundación Ciudad da Enerxía (CIUDEN), a Universidade de León e o Centro Asociado UNED Ponferrada. A apertura correu a cargo de Laura Martín, directora do Instituto para a Transición Xusta, quen no seu discurso puxo de relevo o importante papel da cidadanía no proceso da transición enerxética xusta.

Xa na rolda inicial por parte das entidades organizadoras o Reitor da Universidade, Juan Francisco García Marín, destacou que este congreso é “unha práctica fundamental e imprescindible para os alumnos nunha zona como O Bierzo, que conta con máis de 100 anos de experiencia en produción de enerxía”.

A continuación, Arsenio Terrón, director xeral da Fundación Ciudad da Enerxía (CIUDEN), fixo fincapé na necesidade de fomentar as vocacións e impulsar as carreiras investigadoras a idades temperás. Ademais, puxo tamén de relevo “a enorme satisfacción que supoñen estas dedicacións coas cales se realizan destacadas contribucións á sociedade”.

Pola súa banda, Jorge Vega, director do Centro Asociado UNED Ponferrada, destacou a alta participación no evento e a importancia da captación de talento entre as novas xeracións para o desenvolvemento do territorio. Para finalizar Yasodhara López, directora da Fábrica de Luz. Museo da Enerxía, quixo agradecer a participación activa e tamén mostrou o seu agradecemento polo esforzo realizado por docentes e relatores para asistir presencialmente ao congreso.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button