CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

As “cancións veladas” de Carlos Domínguez, chegan a Valdeorras

O cantautor madrileño, con orixes no Bolo, presentou en Córgomo o seu disco “Mientras bailamos”

Coa súa guitarra, un libro e unha manchea de cancións, o cantautor Carlos Domínguez chegaba na tarde-noite do 5 de agosto a Córgomo (Vilamartín de Valdeorras. O motivo, presentar na súa terra (é madrileño pero ten orixes en Celeiros e Valdanta, no concello do Bolo) o seu novo disco “Mientras bailamos” que editou en decembro de forma conxunta cunha escolma de poemas e relatos curtos titulada “Canciones veladas”.

Alguén lle dixo a Carlos que se lle gustaba a arte “tiña que ir a Córgomo”. E así o fixo hai dous anos para asistir a unha mostra na Sala de Exposicións Conde e Torino a carón da casa de Conde, toda unha obra de arte. “Vin este sitio e quedei prendado, encantoume a iniciativa de crear estos espazos onde cada artista pode expoñer a súa obra, por iso pensei neste lugar concreto para presentar o disco na miña terra, aproveitando que estou de vacacións en casa”, asegura.

Así, en torno ás dez da noite e ante un selecto público, Carlos Domínguez deu un concerto íntimo e acústico no que as cancións do seu novo disco (“De milagros y rutinas”, “Ciudad prohibida”, “Mientras bailamos”, “Razones”,…) e outras anteriores, se intercalaban coas historias que el mesmo escribe e conta, atesouradas ao longo dos últimos anos. “Cancións veladas, que nunca foron cancións, pero que nelas tantas se agochan. Como esas vellas fotografías que un día nos tomamos e veláronse, pero aínda así albergan o noso reflexo”.

Un concerto “cantado e falado” nun espazo único, no que este cantautor deixou unha parte de si mesmo.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button