ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

As Cantareiras da Seitura de Lentellais (O Bolo) son homenaxeadas en Larouco

O acto tiña lugar durante o Concerto de Nadal que a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense deu na igrexa parroquial

En 33 anos que leva realizándose, o Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación pasou xa polos municipios do Carballiño, Ourense, Xunqueira de Ambía e Celanova, entre outros e nesta ocasión, o seu director Xosé Lois Foxo elixía Larouco. “Queriamos levalo ao mundo rural, en concreto, á Igrexa de Larouco que é a catedral de Valdeorras”, dixo. E o lugar non podía ser máis acertado xa que o acto estivo adicado a tres valdeorresas: as Cantareias da Seitura de Lentellais (O Bolo).

Antonia Fernández Prieto, Jacinta Prieto Alonso e Asunción Fernández Cueto, recibían a medalla de ouro da Real Banda de Gaitas “por manter a nosa cultura no rural”, en palabras de Foxo, nun multitudinario concerto que contou ademais coas actuacións da gaiteira iraní Liana Sharifian; do cantautor ourensán Emilio Rúa; e da Escola de Gaitas do Concello do Bolo.

 

Jacinta Prieto Alonso e Asunción Fernández Cueto nun momento da actuación.

 

O concerto estivo dividido en tres partes e baixo a batuta de Foxo, a Real Banda interpretou diferentes temas como Alborada en Buenos Aires, Antoloxía da Gaita ou Katiusha (popular rusa co acompañamento da violinista Tatiana e do seu fillo). Tamén actuaron o grupo de zanfonas da Escola Provincial de Gaitas, as Cantareiras da Real Banda  e as propias homenaxeadas. Cara a metade da segunda parte do concerto, Jacinta e Asunción (Antonia non pudo asistir) interpretaron dous cantos de reis antes de que o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández e o alcalde de O Bolo, Manuel Corzo, lles impuxeran as medallas. Tamén estaban presentes o alcalde de Larouco, Joaquín Bautista Prieto e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, ademais de representantes do bispado de Astorga, entre outros moitos.

As de Lentellais foron as cantareiras protagonistas este ano, pero os asistentes tamén puderon escoitar a dúas de Trives que interpretaron un divertido e animado canto de reis.

Máis información na vindeira edición en papel de O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button