En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As Cantareiras de Placín (Manzaneda), protagonistas do “Concerto de Reis” da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense

Clotilde Salgado e Consuelo López subíanse ao escenario no marco desta actuación celebrada na Catedral de Ourense

A Catedral de Ourense convertíase na tarde do 4 de xaneiro en escenario do “Concerto de Reis” da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, no que nesta ocasión rendíaselle unha homenaxe moi especial a dúas cantareiras de Placín (Manzaneda): Clotilde Salgado García e Consuelo López García. As dúas asistían ao acto e participaban ademais en varias pezas da segunda parte do repertorio.

Este ano “dedicámoslle este concerto ás cantareiras de Placín-Manzaneda, Clotilde Salgado e Consuelo López, porque son o verdadeiro testemuño e ese enlace que comunica a Galicia rural, que foi o albergue dos cantares de Reis, e agora precisamente, cando o mundo rural esmorece, Clotilde e Consuelo, con máis de 90 anos, están na Catedral de Ourense para ofrecer aqueles cánticos de Reis que son a verdadeira xoia do mundo rural, onde se mantivo a nosa cultura, a nosa lingua e a personalidade de Galicia”, en palabras Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación.

O acto, presentado por Montse Estévez, principiaba ás 20:30h. coa “Marcha procesional de San Faustino” (Xosé Lois Foxo), seguida dun”Saúdo de percusión” e de “Reencontro” (suite de melodías célticas). Xa na segunda parte, o grupo de zanfonas da Escola Provincial de Gaitas interpretaba as “Cantigas de Martín Códax”, as Canteiras da Real Banda a peza “Os Reis de Celavente” e as Cantareiras de Placín o tema “Reis de Placín”.

Ademais, Clotilde Salgado e Consuelo López uníanse ás Cantareiras da Real Banda para poñerlle voz conxuntamente a “Rosiña do Tangueiro”. Ao remate da súa actuación recibían moi emocionadas, de mans do alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, e do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a medalla de ouro da Real Banda de Gaitas. Finalmente, a cantante do Incio Lucía Pérez cantaba “Romance de Dona Ildara” e tamén era agasallada coa medalla de ouro desta agrupación, neste caso entregáballa o deputado de Cultura provincial, Manuel Doval.

O concerto de Reis da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense completábase cunha terceira parte que incluía un total de oito pezas, entre as que non faltaban as navideñas, nin tampouco composicións como “Ourense no solpor” (himno de Ourense), xa como broche final.

Ademais das Cantareiras de Placín e de Lucía Pérez, no concerto acompañaban á Real Banda Tatiana Kostomarova & Mikhail Merzlyakov Kostomarov, Manuel Rei Olleros e a Delegación Episcopal para a Vida Consagrada.

 

Fotos: Clemente Pérez Arias

Artigos relacionados

Back to top button