ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

As clases do colexio de Trives trasládanse por un día á Praza de Abastos

O alumnado coñecía o seu funcionamento no marco da celebración adiantada do “Día Internacional do Mercado”

Non será ata a derradeira fin de semana de maio cando se celebre o “Día Internacional do Mercado”, pero Trives decidía adiantar esa data e conmemoralo dun xeito diferente na mañá do 24 de maio, facendo ademais partícipe ao alumnado do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso.

Así a Praza de Abastos trivesa vivía o pasado venres unha mañá moi especial, na que nos tres postos da mesma (un de peixe e dous carne) había agasallos para os clientes coas súas compras e as praceiras recibían a visita dos nenos do colexio aos que lles explicaban o que se fai neste mercado e as características de cada un dos seus produtos.

Así os cativos, que ían pasando en dúas quendas (unha cos cursos de 1º e 2º e outra cos de 3º, 4º e 5º de primaria), aprendían, entre outras cuestións, como se denominan as diferentes partes dunha tenreira. Despois os escolares facían os seus debuxos cos que se montaba unha singular exposición, que quedou na praza para que poidan vela os seus visitantes.

Os alumnos maiores agasallaban cun fermoso debuxo feito no colexio a cada unha das praceiras. Ademais cada neno recibía como agasallo o conto de “Ana e Xurxo celebran o Día do Mercado”.

Fotos: Concello da Pobra de Trives.

 

Artigos relacionados

Back to top button