EconomíaEconomíaÚltima hora

As cores da arquitectura galega xa aparecen recollidas nunha guía

Ourense acolleu hoxe a presentación da Guía de Cor e Materiais de Galicia, elaborada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia
Presentación da guía en Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

Galicia xa conta cunha guía cromática da súa paisaxe urbana. Un extenso compendio das diferentes cores que predominan nas contornas urbanizadas da comunidade e que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, elaborou no marco da Estratexia da Paisaxe Galega.

Esta nova publicación, que consta de doce tomos divididos nas diferentes áreas paisaxísticas de Galicia, presentouse hoxe, 19 de febreiro en Ourense, de mans de dous dos seus creadores: Natalia Figueiras e Javier Amadeo Pena.

Segundo explicaron na presentación, esta nova guía está dedicada á “cidadanía e aos técnicos municipais, que son os principais relacionados con esta temática”. En canto ao obxectivo específico desta guía, explicaron que está focalizada en “proporcionar certos criterios e directrices técnicas e obxectivas” para regular o emprego das cores e os materiais de revestimento arquitectónico no que eles clasificaron como paisaxes urbanas, rururbanas e rurais.

As zonas correspondentes á provincia serían as Ribeiras Encaixadas do Miño e do Sil, as Chairas, Fosas e Serras Ourensás e as Serras Surorientais. O único lugar que non se atopa nestas áreas paisaxísticas sería O Carballiño, que se atopa na área de Galicia Central.

División das áreas paisaxísticas de Galicia. // Fonte: Guía de cores e materiais de Galicia.

Pero, como se chega a elaborar esta guía? pois ambos os dous expertos explicaron que foi un arduo traballo de toma de mostras de diferentes núcleos urbanos e poboacións edificadas de Galicia. No caso da provincia de Ourense, aseguraron que tomaron mostras en 152 núcleos na primeira fase do estudo de campo. Posteriormente, foron acotando até facer unha criba de 40 núcleos nos que analizaron unhas 700 edificacións. En total, dixeron, “tomamos máis de 8.000 mostras de cor”.

Tendo en conta todas estas mostras “conseguimos elaborar a paleta cromática de cada núcleo”, é dicir, que cada un dos lugares estudados ten a súa paleta de cor. Asemade, analizaron cada unha das edificacións para ver se tiñan harmonía de cor, é dicir, que as súas cores mesturadas podían chegar a formar un circulo cromático enteiro e, como conclusión, explicou Natalia Fiegueiras, “das 700 edificacións analizadas case o 90% tiñan harmonía de cor”. Isto significa que as vivendas tiñan un color dominante (maioritario), cores de mediación (que manteñen a relación entre o dominante e a tónica) e a cor tónica “cor que menos presente está pero que máis chama a atención”, explicou Natalia Figueiras, que recalcou que esta cor estaba presente, sobre todo, nos elementos ornamentais.

Como exemplo, na zona das serras Surorientais, correspondente á zona de Valdeorras, as variantes cromáticas que se atopan van dende os tons brancos nas estruturas de “sinxeleza” ou fondos das casas, pasando por grises, ocres e negros. Tanto nas construcións feitas antes dos anos 60 como durante e posteriormente.

Exemplo de combinación de cores nas Serras do Suroriente Ourensán de construcións feitas entre os 60 até a actualidade. // Fonte: Guía de cores e materiais de Galicia.

Pero esta guía, ademais dos doce tomos correspondentes a cada área paisaxística, incorpora unha memoria e un manual de instrucións para aprender a usala. O encargado de presentar estes dous tomos foi Javier Amadeo Pena, que reiterou que o seu obxectivo era “o de simplificar ao máximo a guía”. Neste manual de instrucións aparecen especificados todos os criterios que se tomaron en conta á hora da mostraxe e da elaboración, así como “os casos particulares que precisan un estudio pormenorizado”, dixo o experto. Por outra banda, tamén aparece a lenda coa que eles tomaron as liñas cromáticas de cada zona e a descrición das cores.

Asemade, sacaron conclusións como a da “identidade local” de cores, pondo como exemplo a Castro Caldelas, na que nos demos de conta que “predomina o branco”, dixo Javier Amadeo Pena.

En definitiva, este documento constitúe un primeiro paso, posto que, segundo dixo a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, a guía “está aberta a modificacións e achegas dos diferentes profesionais”, por iso mantiveron xuntanzas con asociacións de empresarios, de empresarios da construción e diferentes entidades relacionadas coa temática. O obxectivo clave, é o de concretar o alcance normativo que vaia ter, na procura dun maior consenso posible na materia.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button