ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

“As Cores de Trevinca”, unha actividade para desfrutar das aves na alta montaña galega

Esta ruta ornitolóxica pola Serra Calva, promovida polo Club Montañismo Montañas de Trevinca, tiña lugar na espléndida xornada do 25 de maio

Natureza, alta montaña, lagoas e aves. Eran algúns dos elementos que se conxugaban nunha atractiva proposta promovida dende o Club Montañismo Montañas de Trevinca baixo o título “As Cores de Trevinca-primavera”. Desenvolvíase con éxito na espléndida xornada do 25 de maio no teito de Galicia.

Cubríanse todas as prazas da actividade, sendo un total de 17 persoas as que se sumaban a esta Ruta Ornitolóxica pola Serra Calva. Dende a organización destacan que este tipo de propostas sempre van dirixidas a grupos reducidos polas súas características didácticas e de natureza e montaña.

O punto de encontro para os participantes era Corzos (A Veiga) ás 9h. no Hotel Aira da Petada. Despois tiña lugar unha charla de “iniciación á ornitoloxía/regulación de prismáticos” e facíase o desprazamento ata a saída na Lagoa das Tablillas. A partir de dábase comezo ao traxecto pola Serra Calva, que remataba en Seoane. A actividade remataba arredor das sete da tarde.

O obxectivo desta ruta era “dar a coñecer unha zona ornitolóxica de moi grande interese, e unhas lagoas glaciares no conxunto do segundo lugar de importancia en España. Ademais de poder visitar e contemplar as lagoas da Serra da Calva, puidemos aprender desfrutando da observación de aves de montaña de Trevinca-A Veiga”, din os organizadores.

Fotos cedidas polos participantes.

Artigos relacionados

Back to top button