ConcellosÚltima hora

As entradas da XVIII Festa do Botelo do Barco poranse á venda este sábado 13 de xaneiro

Esta edición da cita gastronómica que se celebrará o día 20 inclúe un amplo abano de actividades
A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta e o alcalde do Barco, Alfredo García. /Foto: Mónica G. Bellver.

Encontro de blogueiros, teatro, cine, cantos de taberna, feira de mostras,… Máis alá do multitudinario xantar previsto para o 20 de xaneiro, son moitas as actividades que conforman o programa da XVIII edición da Festa do Botelo do Barco.

Para ir abrindo boca, a primeira, a VIII ruta de pinchos “O Barco vai de viños”, arranca mañá e desenvolverase ata o 21 de xaneiro con numerosas propostas culinarias nos establecementos hostaleiros participantes, incluíndo a degustacion de botelo na fin de semana. O sábado día 13 ás 10h. poranse á venda as 1.150 entradas (18 euros) na taquilla do Teatro Lauro Olmo, estando limitado a 10 o número de entradas por persoa. E ese mesmo día celebrarase o II encontro de blogueiros “Blog Trip” do Botelo do Barco no que participarán seis comunicadores galegos relacionados coa gastronomía e o turismo: José Arnoso, Chus Nenalinda (do Barco), Anabel Otero, Emilio Vila, Jesús Hermida Iglesias e Emilia Santiago Blanco. A recepción será en torno ás 11h. e a actividade inclúe a visita a Embutidos García Marcos (empresa elaboradora de botelos) e varias adegas do Barco, así como un xantar e ruta polos locais de hostalaría do Barco. “O obxectivo é continuar coa difusión en toda Galicia, non só da festa, senón tamén do produto”, explicou a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, na presentación.

O 18 de xaneiro o Cine Club Groucho Marx proxectará en dobre sesión (19 e 21h.) o filme “Todo sobre o asado”, no Teatro Lauro Olmo. O mesmo espazo no que ao día seguinte ás 21h. a Compañía Excéntricas Mofa e Befa interpretarán “Cranios privilexiados”.

E así chegamos ao día grande da festa, o sábado 20 de xaneiro, coa inauguración da III Feira de produtos tradicionais no Paseo do Malecón que contará con 23 expositores que permanecerán abertos o sábado de 11 a 20 e o domingo de 12 a 14h. aproximadamente. Con todo, un dos actos centrais do día: o pregón, terá lugar ás 12h. no Teatro Lauro Olmo. O encargado será José María Rodríguez (Polo), o concelleiro de Cultura do Barco encargado da organización da festa na súa primeira edición hai 18 anos. A mención de honra deste ano será para Manola García (Parra), cociñeira dunha das familias relacionadas coa restauración na vila barquense.

Tralo acto oficial, e acompañados polos grupos de música que tamén amenizarán a tarde, a comitiva trasladarase ata o pavillón de Calabagueiros para, en torno ás 14:30h. comezar o xantar oficial que contará con Fotomatón. O broche á xornada poráo a partires das sete da tarde, a III Foliada Cantos de Taberna que contará coa actuación polos bares do casco vello e do Malecón de cinco grupos: Macizas Centrais de Trives, Corenta e Chinco Boys, Píngalle o Moco, Abertal Grupo da Rúa e Os Palletas de Quiroga.

Dende o Concello insisten en que a xente se anime a xantar botelo nos restaurantes da vila. “O aforo do pavillón é limitado e a única forma que temos de que isto creza é implicando á hostalaría. O ano pasado todos os restaurantes que ofrecían notelo no menú estaban cheos así que pensamos que a cousa vai por bo camiño”, asegura o alcalde, Alfredo García.

Artigos relacionados

Back to top button