En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As escavacións volven ao Castro de Valencia do Sil (Vilamartín), medio século despois

O Concello promove unha intervención arqueolóxica, dirixida por Santiago Ferrer, para limpar e recuperar a zona do xacemento escavada xa décadas atrás polo grupo de “Os Escarbadores”

Dende mediados deste mes de xullo o Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras), un dos xacementos deste tipo máis grandes de Valdeorras, está sendo obxecto dunha intervención arqueolóxica. É a primeira que se fai dende que o grupo de Os Escarbadores traballou nel durante uns quince anos, hai xa case medio século. De feito, a zona na que se está actuando agora é a que escavou previamente esta agrupación de afeccionados á arqueoloxía, que descubriu varias dependencias dunha vivenda romana.

Dende o Concello de Vilamartín destácase a importancia desta iniciativa no senso de recuperar un xacemento importante, pero que ata agora estaba algo esquecido. “A idea do Concello e estar con todo o que poidamos naquilo que sexa poñer en valor o noso patrimonio”, indica o alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez. O Concello aporta varios operarios municipais que realizaron o desbroce do camiño que dá acceso ao asentamento e tamén do lugar onde se están a realizar os traballos arqueolóxicos.

“O proxecto que estamos desenvolvendo consiste en limpar, adecentar isto un pouco, sacar a topografía, e despois para o ano que vén a idea sería continuar cun proxecto de consolidación”, comenta o director da actuación, o arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer. Da mesma maneira se pronuncia o alcalde vilamartinés. “Este este tipo de iniciativas apoialas o cen por cen, sen ningún xénero de dúbidas. É unha cousa que nos parece moi interesante”, insiste Enrique Álvarez.

 

O director da intervención, o arqueólogo vilamartinés, Santiago Ferrer Sierra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Foi Santiago Ferrer quen plantexou a intervención a raíz dun traballo realizado sobre a romanización en Valdeorras realizado por alumnado e profesorado do IES Lauro Olmo do Barco e do IES Cosme López da Rúa. “Estiveron reunindo diversa documentación e comentáronnos que este ano se cumpría o 50 aniversario do descubrimento do mosaico da Cigarrosa e nese marco, tendo en conta que o Castro de Valencia foi onde máis traballaron os Escarbadores, propuxemos esta actuación”, comenta o arqueólogo.

 

Vista xeral da zona escavada polos Escarbadores décadas atrás e que agora se está recuperando./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Algunhas das alumnas e un dos profesores participantes nese proxecto educativo visitaban e colaboraban tamén nos traballos de limpeza desta parte do xacemento, así como o responsable da sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudios Valdeorreses, José Fernández.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button