CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

As experiencias “ALMA” enchen de música o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

A finais de setembro desenvolvíase cunha moi boa acollida a oitava edición desta iniciatival cultural

 

Balance positivo na oitava edición das “Experiencias Artísticas de Arte, Legado e Medio Ambiente. ALMA”, que se desenvolvían entre o 19 e 26 de setembro e colgaban o cartel de non hai entradas. Os artistas convidados desta volta, que tiña tamén como escenario o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, eran Neonymus e Tanxugueiras. Ante a situación excepcional xerada polo Covid 19, os aforos das actuacións reducíronse en gran medida.

Esta circunstancia que non impediu que os asistentes desfrutasen un ano máis dos concertos. Ademais coincidían en que “a organización foi excelente, cumprindo con escrúpulo e profesionalidade todas as medidas de prevención”.

Estas residencias artísticas, que están promovidas por Ecos da Pedra músi& Icatú Eco Spirits e Wapapura e apoiadas polo Concello de Parada de Sil; constitúen xa un “referente internacional polo elenco de músicos que pasaron por este templo e que poñen de manifesto a capacidade integradora que ten a música para traspasar fronteiras”, tal e como destacan os seus promotores.

Así, nesta oitava edición houbo dúas residencias artísticas cuxo final foi un concerto aberto ao público co que puxo en valor a capacidade do espazo do mosteiro para eventos musicais pola súa gran acústica. “Foron días de convivencia harmónica na que os artistas coñecen de primeira man os tesouros deste reduto mediante camiñadas sonoras, observación do patrimonio e gravación sonora e audiovisual dun material de gran valor durante os días de ensaio. Un formato que pon en valor a capacidade de escoita dos artistas e no que se crea unha conexión entre público, artistas e espazo de gran valor artístico”, segundo os seus promotores.

 

 

Ante a situación actual, os organizadores expuxéronse non celebrar este ano os concertos. Pero para eles, estes encontros tamén son medicina para moita xente que estivo case un ano sen asistir a actuacións en directo. O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, agredecía aos organizadores o seu “incansable traballo por poñer en valor o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e, con iso, a Parada de Sil e a Ribeira Sacra no camiño de ser declarada Patrimonio Mndial da Humanidade”. Ao mesmo tempo anima aos organizadores a preparar desde xa a seguinte edición de ALMA.

Artigos relacionados

Back to top button