CulturaCulturaÚltima hora

As festas de San Roque (A Rúa) comezan mañá cunha sesión de cine ao aire libre

O programa, organizado pola Asociación Sabugueiro estenderase ata o día 20 con actividades variadas para todos os públicos
Baile no campo de San Roque nas festas do ano pasado./ Foto: Mónica G. Bellver.

Coa recuperación da Asociación Sabugueiro A Rúa Vella vivirá este ano unhas festas de San Roque moi especiais coa recuperación do cine ao aire libre. De feito, a proxección de Coco na praza do Forno (O Barrio) mañá día 14 ás 22:30h., marcará o inicio dun programa que continuará ao día seguinte con teatro da man de A Ruada, ás 22:30h.

Con todo, será o venres día 16 cando comecen as festas propiamente ditas, co traslado do santo dende a capela no campo de San Roque ata a Igrexa de Santo Estevo, previsto para as 21h. E xa pola noite teremos a primeira cita musical da festa, coa actuación do grupo de versións Los Íñigos a partir das 23h. e da nova Danzalia Disco-Show a continuación. O sábado 17 de agosto, a xornada arrancará cun pasarrúas pola mañá a cargo do grupo de gaitas Airiños da Portela. Pola tarde, en torno ás catro comezará o campionato de tute por parellas na praza César Conti, e dese mesmo punto sairá ás sete da tarde, a XXXIX edición da Volta Ecolóxica, unha divertida e peculiar ruta en bicicleta con disfraces reivindicativos que remata no campo de San Roque. Ese día, o ritmo poráo o grupo Samba que actuará en sesión de tarde e verbena.

 

A Volta Ecolóxica será o sábado a partir das sete da tarde./ Foto: Mónica G. Bellver.

E así chegamos ao domingo, 18 de agosto, día grande das festas anunciado polo pasarrúas da Agrupación Musical da Limia que tamén acompañará á procesión prevista para as 12:30h. que levará ao santo de regreso á capela. Unha vez no campo de San Roque, a banda de música amenizará a sesión vermú. Pola tarde, a música volverá correr por conta da banda que dará outro concerto, desta volta na praza César Conti (19h.). O broche á xornada poráo a actuación da orquestra Pontevedra que actuará en sesión de tarde e verbena.

O luns 19 de agosto será o Día dos Nenos coa xa tradicional festa da auga ás 18h. na praza César Conti. Ademais, pola mañá haberá pasarrúas da charanga Nova Terras de Trives que tamén amenizará a sesión vermú; misa campestre en San Roque (12:30h.); e pola tarde a actuación da orquestra Cinema que será a encargada de baixar o pano coa sesión de tarde e verbena. Con todo, a clausura das Festas de San Roque 2019 será o martes día 20 cos partidos de solteiras-casadas e solteiros-casados que comezarán ás 20:30h. Ao rematar haberá chocolate gratis para todos.

Artigos relacionados

Back to top button