EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

As festas de San Xoán de Río superan as expectativas

Tres días de festexos organizados pola Asociación Cultural RíoMola

Lulu, Mery, Gallu, Alba, Yiyo, Fumón, Candedo, Chory, Chuvi, Getxo, Naty, Gini, Josiño, Marta, Iker, Txemi, Líder, Melón, Teté, Pi, Coronas, Óscar, Saul, Gorrión, Koska, Claudia, Vanessa, Lucía, Txomin, Fanecas, Álvaro e Bran (a comisión de festas designada pola AC RíoMola) foron os culpables de facer desfrutar aos veciños de San Xoán de Río durante 3 días nesta pasada fin de semana onde se celebraron as festas na honra a San Xoán baixo a batuta da nova comisión de festas en man da AC RíoMola.

Fai uns meses, ninguén apostaría polo grande éxito dos 3 días que encheron San Xoán de Río de actividades, música e actos litúrxicos na honra a San Xoán. Nin os máis optimistas dentro da comisión esperaban ter unha resposta da xente tan maioritaria como nestas festas. Iago Cereijo rompeu en bágoas co aplauso recibido pola xente do pobo mentres dicía que simplemente con ese aplauso todo o traballo merecera a pena.

As festas comezaron o venres as 21:45h. e o que simplemente debería ser un chupinazo de comezo de festas, (era o que pensaban Enrique Dorta Yáñez e Néstor Rodríguez González (Kike e Néstor), converteuse nunha emotiva homenaxe, onde ambos, visiblemente emocionados do cariño da súa xente víronse superados polo nervios e practicamente sen dar articulado palabra e entre o aplauso dos veciños recibiron unhas placas de homenaxe. Xa un pouco máis tranquilos lanzaron o chupinazo de comezo de festas.

Tralo chupinazo a cea superou a mellor das expectativas, duplicando a asistencia do ano anterior superando as 250 persoas, tendo a organización que instalar varias mesas suplementarias. A empanada, sardiñas e parrillada de carne, regadas cun bo viño fixeron a maioría dos comensais darlle o visto bo á nova comisión de festas. Xa coa bica e o licor café, os membros da comisión foronse facer unha foto de recordo ao photocall instalado por Josiño para a ocasión, cando a xente, dun xeito espontaneo, comezou unha ovación de aplausos que se prolongou mais dun minuto.

 

Comisión de festas de San Xoán.

 

Acto seguido, o gaiteiro da localidade Getxo, tocou unhas pezas amenizando aos presentes antes de converterse no “Flautista de Hamelín” local, levando coa súa música aos asistentes ata o campo da festa onde se encendeu o fogueira de San Xoán. Aquí pasou unha das anécdotas da noite, cando debido a gran asistencia a cea, o material cedido polo Motoclub os Esquíos de Trives, concretamente as xarras para levar o viño as mesas non foron suficientes, e alguén da comisión que prefire manterse no anonimato tivo a idea de vaciar unhas “botellas de auga” que estaban alí para enchelas de viño e finalizar de servir nas mesas. Finalmente resultou que nesas botellas de auga estaba o augardente da queimada. Sen augardente, o veciño da localidade chamado Pipas solucionou o tema traendo augardente da súa casa. Con todo xa listo, Roberto de Cerdeira comezou a elaboración da queimada mentres, Isaac, do grupo de teatro de Augas do Sil, que actuará o vindeiro sábado en San Xoán de Río pronunciaba o esconxuro da queimada. A continuación DJ Tibu divertiu durante varias horas aos asistentes ao campo da festa ata altas horas da madrugada.

Xa o sábado pola mañá tocaba o primeiro dos actos litúrxicos da fin de semana, a misa e procesión do Corpus Christi. Tralo acordo entre o párroco da localidade e a comisión de festas, a xente xove da comisión levarían os elementos da procesión. Algo que sorprendeu a moitos veciños e das cousas máis aplaudidas do fin de semana, xente que levaba moito sen pisar unha iglesia levando os elementos da procesión. As cámaras de fotos apuntaron a esta xente coma os paparazzis fotografían aos famosos. Tralo acto litúrxico, mentres a maioría da xente do pobo desfrutada de longas sobremesas, a xente da comsión traballaba arreo para que as orquestras estivesen a punto para a hora prevista.

Chegaron as 20:30h. e comezaron as actuacións de ambas orquestras, mentres a xente ía chegando ao campo da festa. Á pparte da xente da localidade que acudíu en masa, moitísima xente de Castro Caldelas, de Trives, de San Clodio, de Quiroga, de Xunqueira de Espadanedo e incluso 3 rapaces que viñeron dende a Fonsagrada e que foron da xente máis activa durante as actuacións. Remataron as orquestras, tras 7 horas de música, pero a xente tiña ganas de máis, e varios veciños subiron os seus coches ao campo de festa para poñer música e seguir a festa ata que saíu o sol.

Cando para algúns aínda non rematara o sábado, o domingo comezou cun pasarrúas da Charanga Nova Terras de Trives, dende a Residencia da localidade e cruzando a vila dende A Pena do Lameiro ata Alenza. Chegaba entón un dos pratos fortes das festas, a procesión de San Xoán. A Xunta Directiva da Asociación Cultural RíoMola e parte da comisión de festas sacou da igrexa ao patrón do concello e nunha procesión animada pola charanga, o son das badaladas das campás da igrexa e as bombas de palenque fixeron desfrutar aos máis devotos. Trala procesión, a tradicional misa de San Xoán, convertida en misa musical pola charanga, e que tras interpretar o himno galego e varias pezas máis tivo a aprobación dos fegreses con outro dos grandes aplausos da fin de semana unha vez finalizado o acto litúrxico.

Quedaba a sesión vermú, onde a xente desfrutou da charanga mentres tomaba o aperitivo previo ao xantar de San Xoán. Xa de tarde fin de festa cunha sesión da charanga con ritmos mais animados e bailables para por feche final a estas primeiras festas de San Xoán organizadas pola Asociación Cultural RíoMola. Nos vindeiros días publicaranse os seguintes eventos da Asociación, as actividades culturais para este fin de semana e o mes de xullo, e un potente programa de actividades para o mes de agosto.

Texto: Xosé Miguel Pérez Blecua.
Fotos: AC RíoMola.

Artigos relacionados

Back to top button