ConcellosÚltima hora

As Festas do Cristo 2019 contarán coa actuación dunha afamada orquestra cubana só de mulleres

O programa estenderase do 13 ao 16 de setembro cunha "prefesta" na fin de semana anterior

 

Despois de case un ano e “froito de moito traballo por parte das concellerías de Cultura e Deporte do Barco”, na mañá do 29 de agosto presentábase o esperado programa das Festas do Cristo 2019. Facíao a propia concelleira Margarida Pizcueta, asegurando que o esforzo “paga a pena xa que se trata do evento máis importante do Barco e quizais un dos máis importantes da comarca”.

Con respecto ao cartel, este ano é obra do barquense Mauro Docampo Gacio, gañador dun concurso de cartelería da Xunta, que está moi persoalizado. “Son as festas do Cristo puras e dura no que destaca a figura do pregoeiro deste ano, Tinín, o presidente do Adas, un persoeiro moi destacable xa que é a voz e o condutor da Milla Urbana, un dos eventos máis destacados do programa”, dixo Pizcueta.

 

O concelleiro de Deportes presentando a programación deportiva.

 

El será quen abra o programa co pregón o venres 13 de setembro na praza Maior e a partires de aí sucederanse as actividades, utilizando o formato da pasada edición “que funcionou tan ben que non quixemos cambialo”, dixo Margarida, incluíndo os clásicos sen os cales non se entende esta festa. Comezando co Madrugón e seguindo co Descenso e a Milla, “haberá orquestras, a festa das pandillas, actuacións para os máis pequenos e concertos”, avanzou, destacando á orquestra Anacaona que actuará este ano. “É quizais a actuación que máis ilusión me fai presentar porque se trata dunha orquestra que nos custou moito traer pero penso que será o puntazo porque está formada integramente por mulleres e considerada unha das mellores do Caribe, da que formou parte Celia Cruz. Teño claro que non nos vai defraudar”, segurou taxante. Tamén haberá música galega e mesmo inglesa, e de diferentes estilos.

 

O concelleiro de Deportes Aurenstino Alonso, o alcalde do Barco Alfredo García e a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta.

 

E no que atinxe á “prefesta” que se celebrará a fin de semana anterior (7 e 8 de setembro) non terá o marcado carácter valdeorrés da pasada edición e estará centrada no Salón de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, coa participación de 17 expositores e seguindo o formato do SilFest. “Será unha feira ao uso con produtos galegos e do Norte de Portugal, na que a xente poderá mercar e tamén comer e/ou cear, ademais de desfrutar das diferentes acitividades que se desenvolverán no entorno do recinto á beira do río no Malecón”, concluía a concelleira dando paso a Aurentino Alonso, responsable do apartado deportivo, do que destacou dúas novidades nesta edición: o I Descenso Turístico do Sil previsto para o sábado dende Sobradelo ata O Barco; e o I Descenso do Baixo Sil para o domingo pola mañá, ademais das citas coa orientación, co fútbol ou coa petanca.

O alcalde do Barco, pola súa banda asegurou que se trata dun programa que ten “moito de todo e para todos”, destacando o apartado adicado ao público infantil e esperando que faga bo tempo. “O programa pode ser moi bo pero o tempo sempre será quen marque o seu éxito”, dixo.

A programación íntegra, no Especial Cristo en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button