ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

As Festas do Cristo do Barco celebraranse nun formato diferente e sen Descenso do Sil nin Milla

Todas as fins de semana dende finais de xullo haberá concertos en diferentes puntos da vila

Nesta mañá de 10 de xullo o alcade do Barco, Alfredo García, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, e o concelleiro de Turismo e Comercio, Eladio Santos, comunicaban que as Festas do Cristo se celebrarían, pero nun formato diferente, “xa que é inviable facer o modelo tradicional”.

O alcalde, Alfredo García, adiantaba que serían unhas festas con actividades orientadas “sobre todo para os nenos”, xa que non se celebrarán actividades consolidadas como o Descenso do Sil e a Milla Urbana. Ademais, en materia cultural explicaba que para garantir a seguridade, celebraranse concertos onde todo o mundo deberá estar sentado, “pero poñeremos un mínimo de 1.000 sillas”.

 

Eladio Santos, Alfredo García e Margarida Pizcueta durante o encontro./ Foto: Alba Prada.

 

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, aseguraba que “tentaremos que o espectáculo pirotécnico se poida celebrar e que teñamos un programa gustoso e atractivo”. Ademais, engadía que “repetiremos a Feira Interrexional de Produtos Artesanais”.

Concertos en diferentes puntos da vila

En canto ao ámbito musical, nunha unión entre as concellarías de Cultura e Turismo e Comercio, terá lugar, durante todas as fins de semana dende finais de xullo ata as Festas do Cristo, un programa de concertos en diferentes puntos da vila. “Algúns deses puntos serán terrazas de establecementos para dinamizar conxuntamente os sectores hostaleiro e cultural, pero para as persoas que non se queiran sentar nas terrazas tamén se habilitarán cadeiras”, explicaba Margarida Pizcueta. Así, algúns destes concertos serán reprogramados dos que non se puideron celebrar durante o confinamento.

Eladio Santos, adiantou que aproveitando a concentración de comercios ao aire libre e para favorecer o distanciamento, “algunhas das actividades van ir acompañadas dalgunha modificación do tráfico urbano en algunhas zonas comerciais, en días e horas concretas, preferiblemente os venres”. O obxectivo é “que as familias saian a comprar, e saian a comprar ás rúas do Barco para fomentar o comercio local”.

 

Artigos relacionados

Back to top button