ConcellosÚltima hora

As festas do Cristo do Barco, no aire

O Concello prevé sacar en breve o prego de condicións a concurso, pero "hai incertidume sobre se as imos poder celebrar ou non", adianta a concelleira de Cultura

Imaxe do campo da festa barquense durante as pasadas festas do Cristo.

 

Malia ao avance da desescalada e a melloría na situación actual da pandemia do Covid-19, aínda hai moita incertidume sobre o que pode pasar nos vindeiros meses. E iso toca aspectos como a organización de festexos multitudinarios como acostuman ser os das Festas do Cristo no Barco.

“Non sei se poderemos facer as festas do Cristo como normalmente as vimos facendo porque hai moita incertidume. Nós imos a ser positivos e imos sacar o prego de condicións para a contratación das festas a concurso, unha vez que pase o verán xa veremos”, adianta a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.

O Barco está a retomar pouco a pouco a súa actividade cultural e festiva. Unha primeira mostra, aínda que simbólica foi o concerto vertical da Fanfarria Taquikardia para celebrar a Santa Rita. Xa en xullo porase en marcha a oitava edición do ciclo “De Perto”.

“A nosa idea é recuperar o teatro, o cine, e se se poden facer as festas, facelas. Algo haberá, aínda que sexa ao mellor nun formato un pouco máis reducido que outros anos, pero eu quero pensar que si, que poderemos facelas”, concluía Margarida Pizcueta.

Artigos relacionados

Back to top button