OurenseÚltima hora

As Festas do Portal de Ribadavia celebraranse do 7 ao 9 de setembro

O programa inclúe, o sábado día 7, a 13ª edición do Festival Arteficial

Presentación das Festas do Portal 2019 e do 13º Festival Arteficial.

 

En Ribadavia está xa todo preparado para as Festas do Portal 2019, que se celebrarán do 7 ao 9 de setembro, cun amplo e variado programa de actividades, dentro do cal se celebrará a 13ª edición do Festival Arteficial, a romaría da música e cultura alternativas do Ribeiro. A presentación tiña lugar na mañá do 3 de setembro no Pazo Provincial, nun acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Ribadavia, César Fernández e Yolanda Gómez; e os representantes da Asociación Arteficial, Claudia Gómez, Alberto Chousal e Manuel Araújo.

O alcalde de Ribadavia dixo que os obxectivos das Festas do Portal deste ano son “poñer en valor o traballo que realizan os colectivos e asociacións do municipio, recuperar o concepto de verbena tradicional e facer un programa variado con actividades que nos permitan chegar a tódolos públicos e que se desenvolvan en diferentes puntos da nosa vila para que toda a veciñanza de Ribadavia se sinta partícipe da festa”.

O programa inclúe actividades infantís, charangas, grupos de gaita, orquestras, actividades deportivas con torneos de fútbol sala feminino, balonmán, fútbol de veteranos, entre outras moitas iniciativas. “A ofrenda floral que confeccionan tódolos anos as Mulleres Rurais, pola que pasa a procesión do día 8 de setembro, estará dedicada ao Concello de Melón, como municipio oferente este ano”, explicou o alcalde de Ribadavia.

 

Rolda de prensa no Pazo Provincial.

 

Festival Arteficial

A 13ª edición do Festival Arteficial ofrecerá, nas rúas e prazas do conxunto histórico de Ribadavia, máis de doce horas de música en vivo ao longo dunha única xornada, o 7 de setembro. Os barrios da Madalena e da Oliveira acollerán os escenarios de Alhambra, Thunder Bitch, Socias e socios Arteficial e Reboreda.

Nesta edición actuarán as bandas galegas Chicarrón, Lois, Dreyma, Meneo, Deva e Isaac Pedrouzo, ademais dos barceloneses Za! E os conxuntos madrileños Ambre e Trajano. O Festival tamén achegará bandas internacionais da escena alternativa como La Rueda, que mestura os ritmos ancestrais de Guinea e Colombia con beats electrónicos.

Como actividades complementarias aos concertos, esta edición do Festival ofrecerá ás 12h. a exposición “Ribadavia a través dos meus ollos”, que poderá visitarse ata as 13:30h. e desde as 16 ata ás 18h. Ás 12:30h. será a apertura do Mercado das Sementes e da Zona Gastro e, a esa mesma hora, tamén será o baile cos Cabezudos de Ribadavia e un obradoiro infantil. Tamén para os máis cativos haberá ás 19:30h. unha actividade infantil chamada “O espírito da muralla”.

O Festival Arteficial, por terceiro ano consecutivo, establece unha entrada solidaria e voluntaria que consiste nunha doazón de alimentos non perecedoiros en colaboración coa Cruz Vermella, xa que a entrada ao festival é gratuíta. Ademais, por segundo ano consecutivo, a organización do Festival activa o protocolo contra agresións machistas para ofrecer ferramentas na loita contra as agresións machistas, facilitando pasos a seguir, información e apoio á vítima.

Sobre o Festival, o vicepresidente da Deputación, lembrou que “é un dos cen proxectos culturais seleccionados dentro do Banco de Boas Prácticas de Xestión Cultural elaborado pola AGPXC e galardoado no ano 2018 co Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural, na categoría de colectivos de carácter afeccionado, entregado pola Deputación de Ourense”.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close