Causa contra Manuel Blanco “o home lobo”. Expediente xudicial da Audiencia Territorial da Coruña. Este é o título da publicación na que o Arquivo do Reino de Galicia recupera as fontes orixinais do proceso contra Manuel Blanco Romasanta, coñecido como “o home lobo”, acusado no século XIX de varios asasinatos.
Este traballo permite o acceso das persoas interesadas ás fontes orixinais desta causa formada no xulgado de Allariz, que concluíu coa condena a cadea perpetua de Romasanta, malia que inicialmente fora condenado a morte. Para iso, ademais da reseña da causa, o volume tamén incorpora un CD coa copia dixitalizada do expediente xudicial orixinal completo da Audiencia Territorial da Coruña, xunto cun texto do presidente do TSXG sobre o procedemento penal do século XIX.
Esta obra presentábase o 8 de xuño na Coruña, nun acto que contaba coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas; e da directora do arquivo, Carmen Prieto. Entre os seus contidos figura unha edición facsimilar da reseña da causa publicada en 1859, conservada no Arquivo do Reino de Galicia, na que o avogado Manuel Rúa Figueroa, que se encargou da defensa do reo, ofrece dun xeito resumido e cunha visión particular as partes máis representativas do proceso.
Esta presentación enmárcase no conxunto de actividades programadas polos arquivos da Xunta de Galicia para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o 9 de xuño, coincidindo coa data da creación do Consello Internacional de Arquivos, en 1948. Entre elas está tamén a exposición documental “O legado de Asís: franciscanos e clarisas en Ourense”, que inaugurará na tarde do 9 de xuño o Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
A mostra baséase na divulgación do patrimonio documental herdado dos conventos ourensáns da orde franciscana, un legado pouco coñecido que permite reconstruír o pasado destas comunidades e recuperar a memoria da súa dilatada presenza na cidade de Ourense, nas vilas de Allariz, Monterrei e Ribadavia e no lugar de Trandeiras (Xinzo de Limia).