EntrevistasÚltima hora

“As historias de contrabando contan o desafío á fronteira, á raia artificial”

O vindeiro martes 10 de xullo Quico Cadaval compartirá no Barco, xunto á lisboeta Ana Sofía Paiva, unha serie de “Contos de contrabando-Historias portugalaicas” no marco do VI De Perto

 

Quico Cadaval, na súa anterior participación en “De Perto”, no 2015./ Foto: A.R.

Para Quico Cadaval (Ribeira, 1960) contar é un “acto de diálogo, de comunicación e de convivencia”. Este narrador, actor, director e adaptador teatral regresará coas súas historias ao Barco o vindeiro martes 10 de xullo. Será a segunda ocasión na que participe no ciclo “De Perto”, no que xa estivera no 2015 na beira do Sil, no Malecón. Repetirase o escenario, sen embargo desta volta Cadaval estará acompañado pola actriz, narradora e investigadora do folclore Ana Sofía Paiva (Lisboa, 1981).

“Estou moi contento de que Gustavo Docampo [técnico de Cultura do Barco] tivese esta idea de poñernos a contar aos dous como nos gusta, compartindo escenario, aí ao lado do río, nese ambiente tan bo”, apunta Cadaval. Nesta contada, que comezará a partires das 22:30h., ambos narradores irán intercambiándose “Contos de contrabando-Historias Portugalaicas”.

– Non será a primeira vez que conte a dúas bandas, pero si a súa primeira actuación deste tipo no Barco…

Teño contado a dúas bandas con Celso Sanmartín, con Carlos Blanco, con Paula Carballeira…, pero nunca no Barco. É unha práctica bastante habitual na contada. Contar historias sempre foi un acto de diálogo, isto vén das tertulias, das reunións, dos descansos do traballo, entón un contaba unha cousa e outro contaba outra. Estou moi contento de estar con Ana Sofía Paiva porque admíroa, paréceme unha narradora extraordinaria. E, a parte diso, ten unha voz e unha presenza escénica fantástica, canta moi ben e posúe un repertorio moi potente da nosa tradición común. En resumo, contar entre dous é unha forma de diálogo e lémbranos a como se contaba.

– ¿Como foi a selección do repertorio destes contos de contrabando?

É a recolleita de moitos anos. O que facemos é ver cales dos nosos contos de contrabando poden dialogar, iremos dun lado para o outro contando historias, imos pasar contos portugueses para aquí e historias galegas para Portugal, sen pagar impostos, como un acto antifronteirizo. Eu, particularmente, vou incluír unha historia real de contrabando.

 

Quico Cadaval, contando na beira do Sil./ Foto: A.R.

 

– Normalmente fálase das fronteiras como un elemento separador, nestas historias, ¿as fronteiras tamén unen?

Todas as historias de contrabando o que contan é o desafío á fronteira, á raia artificial, a separar xente só porque hai unha estrutura que chama ao Estado, e entón aparece toda unha cultura vinculada con iso, que é a dos famosos arraianos. Sobre isto hai unha historia que a min encántame, e que non conto porque é dun autor literario, pero teño ganas de inventar que un día estiven en Vilar de Perdizes (Montealegre, Portugal) e que ma contaron. Fala dun amorío entre unha contrabandista e un garda civil, e aínda que así de entrada parece Carmen de Bizet, non ten nada que ver. Aí o que contan é a loita entre a lei e a necesidade, e a imaxinación humana é moito máis flexible que a lei e inventa sempre moitas cousas. Hai outra historia que me contaron, que é de dous compadres, a un e a outro lado da fronteira, que tiñan adestrado un burro para que fixese contrabando el só sen poñer en perigo persoas. O burro comportábase como que escapaba de algo e pasaba correndo a fronteira, entón como nas dúas casas o trataban moi ben, el ía correndo para a casa do compadre portugués e para a do compadre galego. E aí aparece algo, un canto á imaxinación.

– E logo está a cuestión do contrabando.

O contrabando interésalle a todo o mundo porque é a persoa individual desafiando ao poder, entón ti podes estar moralmente a favor ou en contra, pero a épica ninguén lla pode discutir a unha historia de contrabando.

– “A Cabeza do Dragón” ten sido a súa última montaxe con Producións Teatráis Excéntricas, ¿como valora a súa acollida por parte do público? ¿está preparando algunha outra obra?

A Cabeza do Dragón é un deses esforzos excesivos que facemos no noso panorama cultural, pero fixémolo con moito gusto porque vimos que o público que se enterou e veu quedou moi satisfeito e nós tamén porque resultou un espectáculo moi sensual, moi brillante, en fin, que simbolizaba a alegría, a parte de coñecer o texto de Valle Inclán. Non podemos realizar unha obra destas todos os anos, entón Excéntricas fixo unha produción na que nos abrimos un pouco a outros talentos e actualmente estamos xirando cun espectáculo que se chama Cranios Privilexiados, cuxo tema é a filosofía e que espertou moito interese. Neste caso está dirixida por Carlos Santiago e escrita por el e por Pepe Sendón. O que digo é que a compañía descansou de min nun espectáculo, xa que nin o texto nin a  dirección é miña. E estamos moi contentos porque na compañía mantemos, aínda que con outro equipo artístico, un principio que é buscar ao público. Estamos moi interesados en manter un contacto co público, interésanos máis o público que a crítica, máis o público que o resto da profesión e interésanos máis o público que as opinións dos poderes públicos.

– Pero isto xa vén de anteriores espectáculos, dende “Shakespeare para ignorantes”…

Efectivamente, en Shakespeare para ignorantes, Románticos! de Mofa & Befa e Bobas & Galegas, estabamos un pouco con iso. Neste caso o espectáculo é máis riguroso porque o autor, ademais é filósofo, entón sabe do que fala, non como cando eu escribía Románticos, que non sabía o que era o romanticismo.

 

Quico Cadaval voltará a Valdeorras no outono para presentar o seu espectáculo “Os Inocentes” na Rúa./ Foto: A.R.

– Falaba antes do público, cos seus espectáculos, tanto de narración oral como co de teatro, ¿logran chegar ao público máis novo, é dicir, ao de menos de 30 anos?

Creo que si, o que pasa é que houbo un cambio cultural moi moi forte. Hai un consumo de microficción, a xente ten eses produtos nos seus dispositivos móbiles, existe toda unha cultura youtuber e, como sempre, está a tensión entre o económico, o de se ti te podes permitir iso ou non, e logo tamén hai un hábito social. Ao teatro normalmente vaise en grupo e, nese caso, é difícil chegar a persoas que non foron familiarizadas co medio teatral, por iso a min paréceme moi importante que na escola se faga teatro e se asista a ver espectáculos profesionais.

Por exemplo, creo que fixemos un espectáculo perfecto para ese público que é A Cabeza do Dragón, e non só porque sexa divertido, vistoso e emocionante, senón porque está ligado a moitas estéticas que a chavalada coñece sen sabelo, que coñece polos videoxogos e polos debuxos animados, que é a influencia xaponesa, que nós metemos conscientemente na obra. Por outro lado, cando se pensa en público escolar, ninguén pensa nun espectáculo caro. Nós temos un espectáculo que é caro por definición, con moita xente, e ese esforzo non o hai por parte dos poderes públicos. Nós intentámolo, igual non o intentamos ben e penso que polos últimos espectáculos, incluíndo “Cranios Privilexiados”, nós seríamos unha compañía ideal para ese tramo de idade ao que te refires porque interésanos moitísimo, sabemos que sen ese treito de idade non hai futuro. Non é fácil vender un espectáculo caro e por iso agora vese que ten moito máis osíxeno Cranios do que tivo A Cabeza do Dragón.

– No outono ten previsto voltar a Valdeorras, neste caso á Rúa co espectáculo “Os Inocentes”…

Si, cos Inocentes. Ao final, despois de moito tempo, encontrei unha idea que agrupa varias historias. Eu contaba unha historia da guerra civil, dun home que confundían cun líder republicano e que, polo tanto, maltrataban duramente. E logo atopei outras historias nas que se opón a simplicidade mental á loucura da guerra, digamos que poñía tres parvos fronte á estupidez, que é a guerra. Unha persoa intelixente a guerra enténdea moi ben, hai conflitos de intereses, está a situación moi tensa, todo é comprensible… pero un parvo, digamos, unha persoa simple, un inocente pois di claramente que a guerra é unha estupidez. Paréceme un repertorio que é moi bonito e moi necesario. É algo que diferencia a inocencia da falta de intelixencia, porque moita xente di é un inocente, como dicindo que non ten cabeza, e entón demóstrase que os tres inocentes que saen nas historias, concretamente, denuncian o absurdo ou o intelixente da guerra, é dicir, a crueldade extrema.

Texto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button