En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As infraestruturas e o Corredor Atlántico, na asemblea xeral do Eixo Atlántico celebrada no Barco

O encontro reunía nesta mañá de martes 19 de febreiro a uns 34 alcaldes e rexedores galegos e do norte de Portugal no Pazo do Castro

Por vez primeira O Barco de Valdeorras tense convertido neste martes 19 de febreiro en anfitrión da XXVII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, nunha aposta desta entidade, que preside o alcalde barquense, Alfredo García, por “apoiar o eixo interior galego e do norte de Portugal, cunha grave crise demográfica e unha das máis necesitadas de infraestruturas e investimentos”. Este encontro transfronteirizo reunía a alcaldes e concelleiros dos 34 municipios, galegos e portugueses que forman parte deste organismo.

No decurso da asemblea, que tiña lugar no Pazo do Castro, aprobábase un orzamento de 4,3 millóns de euros para o presente exercicio. O Eixo Atlántico inicia unha liña de traballo centrada en torno á crise demográfica do interior da eurorrexión que afecta, principalmente a Galicia e que representa un menor peso político nas decisións ao contar con menor representación en número de deputados por unha menor poboación.

Asimismo aprobouse o Plan de Acción da Axenda Urbana, no que se ten traballado ao longo dun ano e que a partir deste momento os concellos desenvolverán segundo as necesidades e tipoloxía de cada un. A Axenda Urbana do Eixo Atlántico foi recoñecida pola Comisión Europea como a primeira Axenda Urbana transfronteiriza de Europa.

Finalmente analizábase a situación das infraestruturas e as expectativas tanto en España como en Portugal. Ademais a asemblea manfiestaba a súa satisafcción non “só polo feito de que o ministro de Fomento, José Luis Ábalos presente mañá, 20 de febreiro, en Madrid, o Plan Director do Corredor Atlántico, senón polos consensos que o Corredor está suscitando nos últimos tempos, ao incorporarse sectores e administracións que non estaban no seu inicio, pero aos que se lle dá a benvida”, tal e como se indica na nota de prensa emitida tras a asemblea..

Resáltase ademais dende o Eixo que o “Corredor Atlantico é fundamental para Galicia e especialmente para os portos galegos e para o interior da eurorrexión. O Eixo Atlántico ratificou a súa posición de que Galicia só debe ter un único corredor que una Ourense, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras xa que ter máis dun, debilitaría a masa crítica necesaria para a súa viabilidade”.

A asemblea clausurarase ás 16h. no Teatro Lauro Olmo do Barco coa entrega das medallas de ouro do Eixo Atlántico.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/medallas-de-ouro-para-jose-albino-silva-e-isabel-pardo-na-clausura-da-asemblea-do-eixo-atlantico-no-barco/

Artigos relacionados

Back to top button