En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As instalacións artísticas de enBarcArte tomarán O Barco do 8 ao 30 de setembro

Este primeiro festival de arte, comisariado polo creador barquense Jorge Barredo, incluirá tamén unha exposición colectiva na sala Abanca da vila

A arte comeza a tomar as rúas do Barco. Algunhas das obras que formarán parte do programa do Iº Festival de Instalacións Artísticas no contexto urbano “enBarcArte”, que se desenvolverá do 8 ao 30 de setembro no Barco. Serán sete creacións de cinco artistas diferentes (dous deles os valdeorreses Luis Enrique Rodríguez “Coquixo” e Jorge Barredo) que poboarán durante tres semanas diversos espazos emblemáticos do Barco como a praza do Concello, as beiras do río Sil, a rúa Doutor Perez Lista, a Marcelino Suárez, a praza Maior ou a Casa Riocigüeño.

Este certame, que inclúe ademais neses días a exposición colectiva “Inter-relacións. Patróns de converxencia” na sala Abanca (praza do Príncipe) de doce creadores tanto valdeorreses (Iván Prieto, Coquixo e Jorge Barredo) como de Madrid (os colectivos takataca, CalaveraClon e Los Ratón, xunto cos artistas Bárbara López de Toledo, 111.070, Clotilde Lajusticia, Ana Azcona, Marga Garrido e Jorge de Soto) presentábase en rolda de prensa na mañá do 6 de setembro. Será unha das actividades que comezarán nesta vindeira fin de semana como limiar das Festas do Cristo 2018. “Estas festas van ter un carácter artístico moi forte”, resaltaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, que estaba acompañada polo artista barquense e comisario de enBarcArte, Jorge Barredo, e polo alcalde do Barco, Alfredo García.

 

 

O comisario de enBarcArte, Jorge Barredo, coa concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación deste festival de instalacións artísticas./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Jorge Barredo explicaba que o obxectivo desta iniciativa é achegar á arte ao púbico dun xeito diferente e que se trata de algo “único en Galicia”. Ademais agradecía ao Concello do Barco o feito de ter apostado por este proxecto “que segue sendo un pouco unha loucura porque non hai moitos exemplos nin a nivel nacional nin internacional”. Destacaba que se trata dunha proposta de arte efímera, de sete instalación creadas para a ocasión e establecendo un diálogo e unha estreita relación cos espazos nos que van poder verse. “A idea é que a xente se sorprenda por ver cousas que habitualmente non encontramos na rúa”, resalta Barredo.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, incidía en que este proxecto “é unha idea novidosa que nos vai facer ser pioneiros unha vez máis”.

O festival inaugurarase o vindeiro sábado ás 11:30h. no marco da celebración da Feira de Valdeorras, no Paseo do Malecón (zona de Casino). Esta innovadora iniciativa cultural está concebida e comisariada por Jorge Barredo e organizada coa Concellería de Cultura e Educación do Barco.

 

Máis información:
https://enbarcarte.com

Artigos relacionados

Back to top button