En portadaÚltima hora

A riada do Xares provoca a crebadura dunha ponte en Barxa (O Bolo)

A estrada está cortada pero a aldea ten outro acceso polo que non queda incomunicada

 

O forte temporal de chuvias e vento segue deixando incidencias na comarca de Valdeorras. Nesta ocasión foi no concello de O Bolo. Na noite do 20 de decembro a forte riada do río Xares que atravesa a localidade de Barxa (entre San Martiño e O Seixo) partía o piar central dunha das pontes desta aldea bolesa.

A ponte segue en pé pero dada a profunda fenda resulta moi perigoso pasar cos coches. Por iso a estrada está cortada ao tráfico aínda que a aldea ten outro acceso pola zona alta.

Ata o lugar desprazouse, na mañá do 21 de decembro, o alcalde Manuel Corzo para interesarse pola situación. Os veciños aseguran que dado o que choveu nos últimos días era visto que ía pasar. “A ponte está moi deteriorada e que partise só era cuestión de tempo”, aseguran.

Hai xa décadas, outra riada provocaba o derrube da outra ponte que existe no pobo, uns metros máis arriba dirección O Seixo, sobre un dos regatos que desenvocan no río.

Fotos cedidas

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button