CulturaCulturaÚltima hora

As “Lambetadas” de Talía Teatro, no Barco o 29 de decembro

Esta obra, interpretada por María Ordóñez e Diego Rey, poderá verse ás 12:30h. no Teatro Lauro Olmo

Unha das escenas de “Lambetadas”./ Foto: Talía Teatro.

 

Sen unha lingua propia, chea de saúde, non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai. E ademais serve para comunicarse. É algo que descubrirán os dous personaxes de “Lambetadas”, a montaxe que Talía Teatro presentará o vindeiro 29 de decembro no Barco. Esta comedia para público infantil, protagonizada por María Ordóñez e Diego Rey e dirixida por Santiago Cortegoso, poderá verse ás 12.30h no Teatro Lauro Olmo da vila.

A peza baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa) “que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero han acabar descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas”, adiantan dende a compañía.

 

Artigos relacionados

Back to top button