ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVilamartín

“As lavandeiras”, do escultor vilamartinés Pedro Dobao, locen na praza de Arnado

O grupo escultórico inaugurado hoxe é unha homenaxe "a aquelas mulleres tan sacrificadas que lavaban no Regueiro"

 

Dúas mulleres de bronce, co cesto da colada baixo o brazo e lavando as sabas, destacan dende hoxe na praza de Arnado, no concello de Vilamartín de Valdeorras. Son “As lavandeiras”, grupo escultórico do artista Pedro Dobao, natural desta vila valdeorresa, que se inauguraba na mañá deste venres 15 de agosto como parte dunha obra máis extensa que representa unha das partes fudamentais da historia desta parte do municipio. “Trátase dalgún xeito dunha homenaxe non só ás mulleres lavandeiras senón a toda a muller que mantiña o fogar, o traballo e o esforzo contián pola enorme humanidade que estas esculturas nos transmiten”.

 

 

 

Co estas palabras presentaba o acto Fernando Ramos, ex profesor universitario descendente de vilamartineses e membro da Fundación Pedro Dobao, “un dos mellores escultores contemporáneos de Galicia, non porque o diga eu senón a crítica especializada, que tivo unha extensa formación e unha experiencia profesional importante tanto en Cataluña como Madrid onde fixo unha formación permanente, ata deu lugar á súa propia obra”, explicou Ramos, destacando que Dobao está considerado “un dos mellores especialistas que temos actualmente co traballo en bronce, aínda que tamén ten traballado coa pedra e outros materiais, sendo a súa unha obra descritiva, que fala, no senso de que sendo unha obra moi traballada e cun estilo persoal e simbólica, transmite emoción e sensacións, sendo ademais unha gran persoa e un gran home”, aseverou.

 

Pedro Dobado xunto a unha das esculturas.

 

Malia recalar definitivamente en Vigo, onde reside, Pedro Dobao non esquece as súas orixes, lembrando como ía andando dende Arnado ata o Barco para aprender o oficio de ebanista antes de marchar a Madrid, e recoñecendo que para el é unha honra que unha das súas obras esté no seu pobo. “Prefiro mil veces tela aquí que na mellor praza de Vigo”, asegura. De aí a proposta que lle fixo ao alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, que foi o encargado de buscar financiamento ata facelo realidade.

 

O alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez, durante a súa intervención.

 

Na súa intervención, o alcalde daba reiteradamente as grazas a todos os asistentes, destacando o feito de que “hoxe é o Día Mundial da Muller Rural polo que é simbólico que neste día teñamos aquí ao escultor nado en Arnado homenaxeando coa súa obra á muller do rural, neste caso ás lavandeiras. Creo que deberiamos telo como un referente de cara aos vindeiros anos e celebrar a data nesta praza, facendo aquí un magosto”, dixo, lanzando a proposta aos asistentes, así como unha petición á Deputación aproveitando a presenza no acto do vicepresidente, Rosendo Fernández. “Levamos gastados moitos cartos dende o Concello en diferentes obras, entre elas esta praza que aínda non está rematada, de feito a nosa idea é rematala canto antes e vimos de aprovar unha partida de 48.000 euros para elo e soterrar os cables, tan demandado polos veciños que tiveron tanta paciencia, pero gustaríanos contar coa aportación da Deputación para rematar as rúas do pobo polas que pasan moitos veciños e visitantes polo que nos gustaría facelo un referente a nivel comarcal”.

 

Unha das Lavandeiras de Pedro Dobao.

 

Rosendo Fernández, pola súa banda, felicitaba ao autor da obra e a toda a corporación co alcalde á fronte, por esta iniciativa, lembrando os lavadeiros aos que o levaba a súa avoa de neno. “Cando  souben que tiña que inaugurar estas esculturas lembreime das miñas orixes e ao velas, lembro o cesto como o levaba a miña avoa e de como se escurrían as sabas para que secaran o antes posible unha vez estendida ao sol… Non hai hoxe sen onte así que parabens por honrar o que fomos, de onde vimos e o que vivimos”, concluía.

 

Obra escultórica inaugurada hoxe en Arnado.

 

O acto ao que tamén asistían membros da oposición, veciños e familiares do artista, remataba cunha degustación de viño tostado por xentileza do Concello e dun aperitivo por parte dos veciños.

 

Artigos relacionados

Back to top button