ConcellosEn portadaRubiáÚltima hora

As localidades de Quereño e Vilar de Xeos (Rubiá) logran salvarse das chamas

Na pasada tarde e noite o incendio quedábase á entrada destes núcleos, pero os medios de extinción lograban frear as lapas

 

Ás portas das localidades de Quereño e Vilar de Xeos (Rubiá), moi preto do límite coa provincia de León, chegaban na tarde e noite de onte as chamas do incendio forestal que afecta a Valdeorras dende o pasado xoves. Pero os esforzos do operativo de extinción e dos veciños impedían finalmente que o lume entrase nestes pobo e afectase a algunha casa ou edificación, tras outra noite de tensión pendentes das chamas.

“En Quereño non chegou a entrar, e cando marcharon os helicópteros, os outros medios que había, entre eles a UME, rodearon a localidade e estiveron regando os louxados. Se non tivesemos medios, ardía Quereño. En Vilar de Xeos tampouco entrou o incendio, parárono na estrada que vai para Quereño. Había unhas chamas impresionantes”, explica o tenente de alcalde e alcalde en funcións de Rubiá, Ignacio Doce.

No intre de escribir estas liñas a situación era de relativa calma, pero “estamos moi pendentes da posibilidade de que haxa focos que se reactiven, tal e como sucedeu estes días, logo co aire reactívanse e cando volve o perigo”, engade o alcalde en funcións. Ademais recuperouse o tráfico na estrada N-536, cortada onte á tarde por mor do lume.

O incendio entraba neste concello valdeorrés na tarde do luns, tras pasar dende Éntoma (O Barco) ata A Veiga de Cascalla (Rubiá), onde ardían unha trintena de casas e outro tipo de construcións, e despois a Biobra, Barrio, O Castelo, Sobredo, así como ás zonas de Quereño e Vilar de Xeos, entre outras. As chamas chegaban moi preto da capitalidade municipal, por riba do campo de fútbol e tamén na súa zona industrial.

O tentente de alcalde de Rubiá, Ignacio Doce, tamén informa de que A Veiga de Cascallá, un dos puntos máis afectados, dispón novamente de auga e tamén de subministro eléctrico en todo o pobo, “grazas a uns xeradores. Xa están as palas limpando e vaise empezar a preparar para tirar as casas máis danadas”.

O Concello de Rubiá abordará en breve en pleno a solicitude de zona catastrófica para o municipio e xa comezou a preparar a tramitación de expedientes. “Dende onte xa estamos atendendo aos veciños afectados para axudarlles coa documentación para poidan solicitar e acceder a axudas para reconstruír as súas casas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button