En portadaÚltima hora

As Macizas Centrais amenizarán este venres a Cea do Cocido de Piñeiro (A Pobra de Trives)

A xuntanza gastronómica enmárcase nas festas na honra a San Sebastián que se celebran na fin de semana

As Macizas Centrais tocando na Festa do Botelo. /Foto: Ángeles Rodríguez.

 

O son e a alegría das Macizas Centrais de Trives quedará este venres moi cerquiña de casa. Despois de participar na V Foliada e Cantos de Taberna da Festa do Botelo do Barco, amenizando ademais o xantar, a grupación trivesa será a encargada de poñer ritmo e música á Cea do Cocido de Piñeiro que se celebrará este venres 24 de xaneiro a partir das nove da noite.

Esa será a hora á que abran as portas da carpa, con potente calefacción e capacidade para 400 persoas, na que cada ano se xuntan veciños da contorna e de municipios da bisbarra como O Barco de Valdeorras ou A Rúa para degustar un menú elaborado no propio recinto con produtos da terra: patacas, grelos e todo tipo de carne de porco, dende chourizo e androlla ata morro, pasando pola orella e o lacón. Para beber, viño da zona e licores. No decurso da cea non faltará o tradicional sorteo de produtos da zona e de 500 euros, nin a verbena a partir das 00:30h. a cargo da orquestra Marbella.

 

Asistentes á anterior edición da Cea do Cocido de Piñeiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A cea será o preámbulo da fin de semana de festas en Piñeiro na honra a San Sebastián con procesión e misa ás 13:30h. tanto o sábado 25 como o domingo 26 de xaneiro; sesión vermú a cargo da charanga Nova Terras de Trives (sábado) e Coraliña Cantora (domingo); e baile o sábado pola noite coa orquestra La Fórmula.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button