Galerías de fotosOurenseÚltima hora

As mancomunidades de Terras de Celanova e Terras do Avia, distinguidas nos “Premios Coopera”

O acto de entrega destes galardóns tiña lugar na mañá do 13 de abril no Mosteiro de San Clodio (Leiro)

A sexta edición dos “Premios Coopera”, que teñen como obxectivo poñer en valor e recoñecer as iniciativas de colaboración entre os concellos galegos, facía entrega dos seus galardóns na mañá do 13 de abril no Mosteiro de San Clodio (Leiro). Nesta ocasión, as tres primeiras distincións recaían, por esta orde, nas mancomunidades de Terra de Celanova, a Mariña Lucense e Terras do Avia. Este acto estivo presidido polo conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; e contaba tamén, entre outras autoridades, co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; co presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García; e co alcalde de Leiro, José Fernández.

O primeiro premio deste ano recaeu na mancomunidade Terra de Celanova, que comprende os concellos de Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. Foron recoñecidos pola súa iniciativa para a implantación dunha aula de conciliación e de actividades formativas para mulleres. Este proxecto busca mellorar os servizos prestados polo Centro de Información á Muller da Mancomunidade. Así, a través da aula de conciliación, un profesional encargarase das actividades de atención aos nenos e nenas de entre 3 e 17 anos dos concellos da Mancomunidade. Ademais, tamén se impartirán accións formativas a homes e mulleres para o intercambio de tarefas e responsabilidades no ámbito doméstico.

O segundo galardón foi parar á mancomunidade da Mariña Lucense (Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Barreiros, A Pontenova, Ribadeo, Trabada e Riotorto). Esta mancomunidade presentou o proxecto ‘Catuxa’, que responde ás siglas de Coeducación, Aprendizaxe Transversal e Unidade de Xénero para a Adolescencia. Levarase a cabo nos 11 Institutos de Educación Secundaria (IES) da mancomunidade, co obxectivo de sensibilizar sobre a violencia de xénero e promover relacións igualitarias no entorno escolar.

Por último, a mancomunidade Terras do Avia foi recoñecida co terceiro premio polo seu proxecto ‘Creando o xeodestino O Ribeiro-O Carballiño’. O ámbito de actuación comprende un total de 19 concellos: os 4 da mancomunidade e outros 15 (Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, O Carballiño, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea).

O obxectivo desta iniciativa é fomentar o turismo nesta zona a través dun plan de actuación plurianual que aporte certeza aos concellos que a conforman, confianza no empresariado e axentes turísticos locais, e que xere un sistema de promoción e comunicación estable no mercado.

 

Artigos relacionados

Back to top button