Publicidade
En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As mascaradas de inverno toman Viana do Bolo

Esta vila acollía na tarde do 11 de xaneiro a primeira xornada do VI Festival Internacional ViBoMask, que continuará mañá en Vilariño de Conso

 

Máscaras de diferentes lugares de Galicia, así como doutros puntos da península e mesmo de Italia enchían de ritualidade, ritmos e danzas as rúas de Viana do Bolo. Unhas 40 festas de inverno participaban nesta vila no VI Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica a partir das 16:30h. deste sábado 11 de xaneiro.

Numerosas persoas seguían o percorrido deste longo desfile que se iniciaba no Toural e finalizaba na praza Maior, onde estaba instalada dende a mañá unha mostra de artesanía e de produtos gastronómicos da comarca.

 

Mázcara do Folión de Buxán (O Bolo)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

O desfile abríao o intenso ritmo da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, acompañada polos saltos e as danzas dos seus Boteiros. A continuación podían verse diversos fulións vianeses (os Fulións Rurais, o das Carrelas, o Fulión Alternativo e o de Cabo da Vila), ademais dos fulións de Buxán (O Bolo), da Mourela p’acá (Manzaneda), do Touro e o Xigante de Celavente, o Entroido da Veiga (con máscaras como os Charrelos, o Boi e a Morte), as Madamitas de Entrimo, os Follateiros de Lobios, os Felos de Maceda, os Felos e as Madamas de Esgos, as Bonitas de Sande, os Galos de San Pedro da Mezquita (A Merca), as Pantallas de Xinzo de Limia, os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros (Castrelo do Val) ou os Verrallóns de Riós.

 

Boteiros da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Participan ademais Entroidos doutras provincias galegas como o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba, Chantada), o Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), o Entroido de Samede (Paderne, A Coruña), os Merdeiros de Vigo, as Madamas e galáns de Cobres (Vilaboa, Pontevedra) e os Xenerais da Ulla (concellos da comarca da Ulla, A Coruña), pechando xa o desfile.

 

Vaca e Cervo de Campobecerros (Castrelo do Val)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Había así mesmo mascaradas de inverno como a Vijanera (Silió, Cantabria) e Entroidos doutras partes da península como o Antruejo de Carrizo de La Ribera (León), o Atenazador (San Vicente de la Cabeza, Zamora), as Mázcaras e Madamas de Pombriego (León), as Talanqueiras e Visparras de San Martín de Castañeda (Galende, Zamora), os Diablos e Mascaritas de Luzón (Guadalaxara), o Carnaval de Abanto (Biscaia) e os Caretos de Bragança e de Lazarim (Portugal).

 

Danzantes do Entroido de Samede (A Coruña), con algúns Mamuthones (Sardeña, Italia)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Nova cita o domingo 12 de xaneiro en Vilariño de Conso

Este festival internacional, o máis grande de mascaradas que se celebra na península, continuará mañá domingo 12 de xaneiro, desta volta na veciña vila de Vilariño de Conso. O desfile comezará a partir das 11:30h.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis fotos:
https://www.osil.info/multitudinaria-mascarada-internacional-en-viana-do-bolo/
Vídeos:
https://www.osil.info/videos-do-vi-festival-internacional-vibomask-mascarada-iberica-en-viana-do-bolo/

Issohadores (Sardeña, Italia), lanzando a súa corda durante o desfile./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Xenerais da Ulla (A Coruña)./Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Outra imaxe dos Xenerais da Ulla, que pechaban o desfile./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close