En portadaGalerías de fotos

As máscaras ourensás percorren o centro de Bragança

Boteiros, Pantallas e Cigarróns participaban, xunto cos Caretos portugueses, en “Mascararte. VII Bienal da Máscara”

Os Entroidos ourensáns convertíanse en protagonistas de “Mascararte. VII Bienal da Máscara”, que se celebraba en Bragança (Portugal) do 3 ao 5 de decembro. Nesta última xornada tiña lugar un desfile que saía da avenida Sá Carneiro e remataba na praça Cavaleiro de Ferreira, no centro da cidade. Nel participaban os Boteiros de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, xunto cos seus folións, así como as Pantallas de Xinzo de Limia e os Cigarróns de Verín, que pechaban un desfile no que tamén destacaban os Caretos de diferentes puntos de Bragança, así como os tradicionais carros de bois das “Festas dos Rapazes”.

Tras o desfile, tiña lugar na mesma praça Cavaleiro de Ferreira a “Luta da Galhofa” e, de seguido, a “Queima do Mascareto” coa que se poñía o broche a esta sétima bienal da Máscara. Despois o Município de Bragança, organizador do evento, ofrecía unha cea aos grupos participantes do desfile e entregáballes uns agasallos.

Mascararte incluía, entre outros actos, unha mostra sobre os Entroidos ourensáns no Centro Cultural Adriano Moreira. Nela podían verse as máscaras dalgúns dos Entroidos máis destacados da provincia, así como unha mostra fotográfica sobre o Fulión e as Mázcaras de Manzaneda e outra sobre as Pantallas de Xinzo. Neste mesmo centro cultural expoñíanse asemade diversos traballos de alumnos de Bragança, máscaras en madeira e metal e outras pezas de artesáns desta zona portuguesa.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button